Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O certame Xuventude Crea premia a colección de xoias da pobrense Rebeca García

Aldara Hernaiz, de Padrón, fíxose co segundo posto, o mesmo que acadou Antía Vieiro, de Brión, no apartado de Moda

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a vicerreitora da Universidade de Santiago, Pilar Murias, asistiron este luns á fase final das especialidades de Moda e Deseño de Xoias do Xuventude Crea 2022, que tivo lugar na igrexa da USC. O santiagués Brais Albor Rodríguez con Touro galego fíxose co primeiro posto en Moda, mentres que Rebeca García Martínez, da Pobra, gañou en Deseño de Xoias coa proposta titulada Tick-Tock Collection.

O resto das premiadas nesta fase final de Moda, na que se deron cita sete aspirantes, foron Antía Vieiro Fernández, de Brión, que coa confección titulada Vaya huevos quedou en segundo lugar, e a pontevedresa Laura Barrós Chans, con Novo Pentaerion, que foi a terceira clasificada.

Na especialidade de Deseño de Xoias obtivo o segundo lugar Aldara Hernaiz Sánchez, de Padrón, autora de Una vuelta más, e en terceira posición quedou Evelyn Cacabelos Lores, natural de Vilagarcía de Arousa, coa obra La chica del espejo. A esta final chegaron seis creacións.

Todas as obras finalistas nestas dúas categorías estarán expostas na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o vindeiro día 29 deste mes de decembro, agás domingos e festivos.

CERTAME CONSOLIDADO. A directora xeral sinalou que este programa cumpre trece anos ofrecendo á xuventude vías para manifestar as súas inquedanzas en 14 disciplinas artísticas. Neste tempo, máis de catro mil mozos e mozas de entre dezaoito e trinta anos de idade levan participado neste certame, no que se deron a coñecer ao redor de tres mil obras e proxectos creativos. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Hai que destacar, ademais, que todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recén estreado, que pode verse na páxina web www.museoxuventudecrea.gal.

arte urbana. As disciplinas que se premian nesta edición do certame son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura).

Ademais, como novidade na edición deste ano, debe salientarse o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro da categoría musical.

PREMIOS EN METÁLICO. Xuventude Crea leva aparellado tamén un premio económico. No caso do primeiro premio son 3.000 euros en metálico, 1.500 para o segundo premio e 1.000 para o terceiro premio. Así mesmo, contémplase un galardón especial de 1.000 euros para a modalidade de música clásica dentro da especialidade de música, segundo informan dende a Consellería de Política Social e Xuventude.

delegribeira@elcorreogallego.es

05 dic 2022 / 19:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.