Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Concello de Ames xa é o propietario da avenida da Peregrina

O DOG publica a cesión // A Xunta financiará con 82.000 euros o acondicionamento do vial

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou na súa edición de onte luns, 8 de agosto, a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Ames da avenida da Peregrina, situada en Bertamiráns. A Xunta de Galicia deixa así de ser a titular da estrada AC-544 que conecta o centro urbano coa zona na que se ubican os colexios e o vial que se dirixe a Negreira.

Esta transferencia enmárcase no convenio de colaboración da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade co Concello de Ames para acondicionar este tramo de vía, cun investimento autonómico de case 82.000 euros.

Este treito de vía autonómica, que discorre polo núcleo urbano de Bertamiráns, é coñecido como a avenida da Peregrina e atópase plenamente integrado na malla urbana, polo que o convenio recolle a asunción da titularidade por parte do Concello.

O obxectivo é a mellora do tramo da estrada AC-544 que vai desde a intersección coa avenida da Maía ata o punto quilométrico 0+610, sumando así unha lonxitude de 610 metros.

En canto ás actuacións establecidas no convenio, a Xunta asumirá o seu financiamento íntegro e o Concello redactará o proxecto, licitará as obras e tamén as executará. As actuacións propostas inclúen o fresado de toda a superficie do tramo da vía para nivelar a súa rasante, así como a reposición da capa de rodadura nos dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento, con mestura bituminosa en quente.

Tamén se renovará a sinalización horizontal, reporanse as liñas existentes e pintaranse vaos, zonas de carga/descarga, prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas.

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, desde hoxe mesmo, o Concello de Ames terá a competencia para actuar neste treito e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

09 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.