Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O conquense José Ramón Luna gaña o certame Eirís

O segundo premio do concurso de fotografía foi para o estradense Juan Rodríguez Pazos e o terceiro para a larachesa Sandra Ramallo

José Ramón Luna de la Ossa (1974), de Tarancón (Cuenca), acadou o primeiro premio do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís cunha imaxe titulada Miedo después del miedo, pola que recibirá 1.500 euros e diploma. O gañador do certame é técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía Artística, titulado de grao superior da Escola Cruz Xato de Cuenca; Fotografía Publicitaria, Dixital, Creativa, Recursos Dixitais e Profesional da Escola Superior de Comunicación, Imaxe e Son (CEV) de Madrid, e estudos de pintura en Atrium (Madrid).

Participou en máis de seiscentas exposicións individuais e colectivas e ten recibido máis de catrocentos premios, bolsas e recoñecementos nacionais e internacionais.

O xurado vén de facer público o seu fallo despois dun exame minucioso das 100 obras presentadas por un total de 44 autores e autoras.

O segundo premio desta 24ª edición, dotado con 750 euros e diploma, e patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, é para a fotografía titulada La extraña pareja, de Juan Rodríguez Pazos. O fotógrafo estradense é un habitual do mencionado certame bergantiñán, no que xa acadou o Premio Especial Carballo no ano 2018 e un accésit no ano 2019.

A súa sucesora no Premio Especial Carballo é a larachesa Sandra Ramilo Rodo cunha imaxe titulada Crise enerxética, pola que recibirá 500 euros e diploma, patrocinado por Interfilm Carballo. Este ano tamén se entregará un accésit por un importe de 300 euros e diploma a Francisco López López, de Viveiro, pola súa obra titulada Calma chicha.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro venres 13 de maio, ás oito da tarde, no terceiro andar do Pazo da Cultura. No mesmo acto será inaugurada a exposición das obras gañadoras e dunha selección realizada polo xurado entre todas as presentadas a esta 24ª edición do citado certame.

O xurado estivo integrado nesta edición por Marcos Trigo Facal, concelleiro de Cultura, como presidente; Beatriz Neira Varela, en representación da Asociación Cultural Ría de Lema; Ángel Cordero Gómez, fotógrafo e profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña; Carlos Fernández Pardellas, fotógrafo; Carlos Lorenzo Pérez, fotógrafo, creador audiovisual, xestor cultural e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural; María Marticorena Cabezas, licenciada en Belas Artes, profesora de Educación Plástica Visual e artista performer; e Carmen Castro Pombo, xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo, quen ademais actuou como secretaria do xurado.

11 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.