Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Delas Fest converteu a Ames na capital galega da arte urbana e o muralismo

Celebrouse durante a pasada fin de semana e levou até a localidade de Bertamiráns un festival único en Europa

O Concello de Ames acolleu por terceiro ano consecutivo a programación do primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa. A principal pegada do paso do Delas Fest polo Concello de Ames é a intervención que a artista lucense Doa Ocampo Álvarez, coñecida artisticamente como Doa Oa, realizou nas paredes da Casa de Barbazán, na rúa travesía de Lodeiro en Bertamiráns. A figura central do mural é unha rúcula silvestre.

A artista inspirouse na información sobre plantas silvestres e comestibles que lle facilitou a veciñanza do municipio. De todas as propostas a artista seleccionou a rúcula silvestre polo seu descoñecemento e polas propiedades medicinais e gastronómicas desta planta. O mural da Casa de Barbazán amosa a semente, as follas e a flor da rúcula silvestre. Esta obra, que se enmarca no proxecto “Reforestando”, busca que nos reconectemos co medio, que lle devolvamos ao mundo vexetal espazos que lle foron arrebatados e, á vez, osixenar localizacións urbanizadas con intervencións artísticas protagonizadas por motivos naturais.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, manifestou que “pese a complexa situación que atravesa o sector cultural como consecuencia da crise da COVID o Delas Fest chega á súa III edición deixando unha fermosa pegada no noso concello, defendendo a práctica da arte urbana como unha arte contextual creando unha relación entre as intervencións e a historia de onde se realiza, convertendo o espazo físico que as acolle en parte delas, á vez que reivindica o papel da muller na rúa e na cultura urbana”.

Ademais, a equipa artística de 7H Cooperativa Cultural impartiu un taller de iniciación á pintura mural, que se desenvolveu o sábado e o domingo na zona do Paseo Fluvial.

Oito persoas participaron na idea e execución do mural que xa se pode visitar no paseo fluvial de Bertamiráns. Na xornada do sábado as participantes deseñaron o bosquexo e indagaron na flora da contorna para na xornada do domingo poñerse mans á obra coa elaboración da composición. O resultado é unha figura humana da que brotan elementos naturais. Con esta obra queren trasladar que o ser humano é parte da natureza e que para coidar da terra é preciso coidar de nós mesmos, concienciándonos de que debemos levar a cabo accións que fagan da nosa estancia o máis salubre posible para o planeta.

AMES ON. Por outra banda, o sábado tivo lugar a primeira edición da Festa Latina con ritmos cubanos. A Concellaría de Promoción Económica traballa este verán para dinamizar a cultura e a economía en Ames durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. O terceiro concerto do Ames On, dos trece que están programados, foi o da Festa Cubana. Dende ás 20.00 horas actuaron os grupos Rompiendo la rutina,Trío Habana e Cuarteto Okán. Yanet Carrazana, Baikal Guncen e Marcos Luís Valcárcel compoñen o grupo Rompiendo la rutina. Os asistentes puideron disfrutar de música cubana, jazz-latin, bossanova... Trío Habana presentouse con boleros, guaracha e cha cha cha. O Cuarteto Okán fixo bailar á veciñanza a ritmo de salsa e música latina.

Dende a organización instouse á veciñanza a acudir a este evento con prendas de roupa branca. Ana Belén Paz, concelleira de promoción Económica, recorda que “seguimos traballando no Plan de Reactivación Económica do Concello de Ames. O obxectivo do Ames On é dinamizar os sectores culturais, comerciais e a hostalería do noso Concello. Como o ano pasado todos os grupos teñen compoñentes que son veciños e veciñas de Ames”.

Deste xeito dende o concello séguese a traballar coa intención de que a cultura mais tódolos tipos diferentes de actividades sexan realizadas nos municipios amienses. Así pois, a música cobra forza e protagonismo coa celebración do Ames On maila dos Seráns de Tapia, ambos coa primordial premisa de pór en valor diferentes disciplinas artísticas e facer cos veciños de toda a comarca amesá poidan desfrutar das diferentes actividades que levarán a cabo ao longo de todo verán nos distintos núcleos urbanos do termo municipal. Así, dende o consistorio buscan que tanto os máis maiores como os máis pequenos teñan actividades programadas ao longo do verán para que disfruten da cultura e do tempo de lecer co que a maior parte deles contan no período estival. Gracias a isto o Concello ponlle solución a unhas das demandas dos cidadáns: apostar polas actividades culturais que involucren aos nenos e nenas das vilas e que aúnen ás familias, creando así espectáculos para que gocen xuntos.

20 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.