Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O deporte e a cultura xa teñen datas e horas este curso en Melide e Arzúa

En ambos municipios as propostas arrancarán en outubro // Os melidenses teñen ata o próximo día 23 para anotarse

Co arranque do novo curso escolar chegan tamén a Arzúa e Melide unha ampla oferta de actividades deportivas e culturais dirixidas a todos os públicos. No caso do municipio arzuán, o programa de propostas amplía a oferta con respecto aos anos anteriores.

A concellaría de Cultura, responsabilidade da edil Aurora Varela, continúa coa actividade de danza moderna dende os 5 anos nas tardes dos xoves. Mantéñense un ano máis as clases de pintura tanto para público infantil como adulto nas tardes dos mércores. Como novidade, este ano amplíase a oferta apostando por dúas disciplinas novas: bailes afrolatinos (bachata, kizomba...) para persoas adultas os mércores a partir das 20.00 horas e a creación dun Club de lectura que se desenvolverá os sábados pola mañá cada tres semanas na biblioteca da vila.

Dende o departamento de Deportes continúan apostando polas diferentes modalidades deportivas que veñen alcanzando un alto éxito de participación e satisfacción nos últimos anos. Así, este departamento municipal ofertará de novo ximnasia para a terceira idade a partir dos 60 anos, ioga e zumba para maiores de idade, e tenis e patinaxe a partir dos cinco anos.

Todas as actividades darán comezo no mes de outubro e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro martes, 20 de setembro (ata o 30 será o ordinario e o extraordinario irá do 3 ao 28 de outubro). Os anotamentos formalizaranse presencialmente na oficina de Cultura e Deportes. Poden solicitar máis información no teléfono 981 500 222.

No caso de Melide, os que desexen anotarse ás actividades culturais e deportivas deben darse présa porque o prazo para inscribirse remata este venres, día 23. O Concello ofrecerá para este curso máis dunha vintena de modalidades deportivas e culturais nas que tanto empadroados como non empradroados poderán participar para manter o seu corpo e mente activos durante os próximos meses.

A inscrición poderá realizarse de xeito presencial nas dependencias do Concello de Melide ou a través da sede electrónica. Ésta última opción, indican dende o Concello, “é a máis recomendable para evitar aglomeracións na casa consistorial”.

Dende as concellarías de Cultura, Deportes e Política Social pretenden con esta variedade de posibilidades, tanto de actividades como de horarios, que toda a veciñanza poida participar.

As propostas culturais pasan por teatro, ballet, baile moderno, pintura, cociña, costura, fotografía e club de lectura. No caso das deportivas atópanse clases de pilates, baloncesto, atletismo, a escola de costas, tonificación, deporte combinado, zumba, hipopresivos, aerobic, fútbol sala, bádminton, baloncesto, patinaxe ou ximnasia. En definitiva, disciplinas moi variadas para todos.

Normativa
Asistencia en Melide

··· Dende o Concello explican que todas as actividades se impartirán dúas horas á semana, e non existe a posibilidade de anotarse só a unha hora.

··· Os horarios que presentan na paxina web son orientativos, polo que se poderían modificar en función da demanda das propostas.

··· Algunhas das actividades poderían non desenvolverse en caso de moi poucas inscricións. Tamén algunha poderá comezar máis tarde do día 2 de outubro, de ser necesario. As vacacións das escolas deportivas e culturais coinciden coas escolares.

20 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.