Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A recreación da loita contra os soldados galos e os espectáculos do Mago Teto e Astarot son os platos principais para o día 28 de maio en Valga // Mantense o desfile de tropas e haberá degustación de rosquillas e unha queimada popular TEXTO M. Boo

O exército francés volverá renderse en Casal de Eirigo

Casal de Eirigo (Valga) plantará de novo cara ao exército francés. Despois de dous anos sen poder recrear a batalla da Guerra da Independencia, debido á pandemia do coronavirus, esta aldea de Setecoros volverá ser escenario do enfrontamento entre os soldados de Napoleón e as alarmas locais. Será o día 28 de maio, coa Capela da Saúde como testemuña e cun programa que pretende volver á orixe desta festa histórica, iniciada en 2009, cando se cumpriu o bicentenario da Batalla.

A programación presentouse en Bronllo, onde se instalou unha valla de tres metros de ancho por dous de alto para promocionar a celebración. Asistiron ao acto o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro; o edil de Cultura, Pedro Calvo; a edil Carmen Gómez; e representantes da asociación Heroes de Casal de Eirigo, ataviados cos traxes dos dous bandos que se enfrontarán na recreación.

As actividades previstas para o vindeiro sábado día 28 darán comezo ás cinco da tarde coa recepción de autoridades e o desfile das tropas participantes. Alarmas de Pontecaldelas, Pontesampaio, San Antoíño de Mos, a asociación Casco Vello de Vigo e o grupo A Troula de Portas serán os reforzos cos que conten as alarmas locais para plantarlle cara aos efectivos do exército francés.

O izado e xuramento de bandeiras e a homenaxe aos caídos darán paso ao acto central da tarde: a escenificación da batalla que se librou na zona en 1809.

A partir das sete e media da tarde será o momento da parte máis lúdica da programación, co espectáculo titulado O afiador, a cargo do Mago Teto, e as actuacións da Banda de Música Municipal de Valga e do grupo folclórico Xarandeira de Pontecesures. O apartado musical terá como colofón o concerto de Astarot.

O grupo do Morrazo, integrado por Juan A. Antepazo (voz principal), Carlos Gandón (guitarras e voz), Loren Tevra (guitarras e voz), Carlos Cordal (baixo) e José M. Piedra (batería) ofrecerá un espectáculo dunhas dúas horas co seu peculiar estilo de rock fusionado con música celta. Fará un repaso por algúns grandes clásicos galegos e por temas dos seus nove discos; o último, Baixo a luz de Breogán, recén publicado para celebrar o 39 aniversario da banda. Este traballo homenaxea a autores que marcaron a literatura en lingua galega, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Xela Arias ou Castelao.

A programación da Batalla ten reservado tamén un importante oco á gastronomía, cunha degustación de rosquillas durante a tarde e unha queimada popular a partir das doce da noite.

Durante a presentación, o alcalde fixo fincapé en que, despois de dous anos nos que esta recreación non puido celebrarse debido á pandemia, é momento de “volver organizar e recuperar festas, porque o pobo necesita tamén actividades para desfrutar”, sinalou.

En representación da asociación Heroes de Casal de Eirigo, Tito Rodríguez indicou que “esta edición é especial porque é un rexurdir, unha volta a empezar despois destes dous anos” e animou a veciños e xentes doutras localidades a vir pasar a tarde-noite do día 28 de maio a Casal de Eirigo para render homenaxe aos valgueses que, hai 213 anos, tomaron parte nestes feitos históricos. “Énchenos de orgullo que isto pasara aquí e estamos felices de poder lembrar aos nosos antepasados”, concluíu.

comarcas@elcorreogallego.es

15 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.