Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 21 enero 2022
02:00
h

O festival da maxia volta a Ames con seis galas e catro obradoiros

As casas de cultura de O Milladoiro e Bertamiráns acollerán o certame do día 22 ao 24 de outubro // Artistas galegos e internacionais sorprenderán ao público

Seis galas e catro obradoiros compoñen o programa da XVI edición do Festival de Maxia de Ames que se desenvolverá nas casas de cultura de Bertamiráns e do Milladoiro entre os días 22 e 24 de outubro. O evento constituirase nunha das primeiras grandes citas da cultura amesán que se realice sen as restricións que até de agora impuña a loita contra a covid.

Así o destacaron a concelleira de Cultura de Ames, Natividade González, o Mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo, e a técnica de Cultura, María Vázquez, que este venres presentaron o Festimax na casa da cultura de Milladoiro.

Segundo se puxo de manifesto durante a presentación, a presenza de grandes figuras da maxia galega e internacional e aposta porque o Festival continúe contando con representación feminina foron as outras cuestións que se destacaron na presentación. A rapazada apaixonada da maxia xa pode inscribirse nos obradoiros enviando un mail a cultura@concellodeames.gal. As entradas para as galas tamén se poden adquirir desde hoxe na billeteira electrónica.

A concelleira de Cultura, Natividade González, salientou a renovación da imaxe do festival cuxo maior expoñente e o novo nome de Festimax. González dixo que despois deste período difícil, “é unha alegría que o festival poida volver a realizarse sen as restricións que tivo na última edición. Estamos moi satisfeitos tamén de que se poida realizar de novo no Milladoiro, que o ano pasado non puidemos por mor da situación da pandemia”, indicou.

González incidiu en que “tamén celebramos ese aforo do 90 % que nos vai permitir ver as salas cheas e sentir que estamos volvendo a unha certa normalidade; alégrome moito por todas as persoas que traballan no mundo da cultura e nesta ocasión especialmente polos magos e magas que nos van a acompañar”. A concelleira rematou convidando á veciñanza a participar e a gozar deste evento para todos os públicos.

Pola súa banda, Dani Polo, Mago e produtor de Abarajar Producciones, repasou polo miudiño o programa do festival destacando o carácter galego pois “temos claro que seguiremos apostando sempre pola maxia galega e internacional. Este ano temos un mago francés e unha maga china que teñen moitísimos premios e que vai ser unha delicia velos”. Salientou ademais a volta dos obradoiros para a rapazada que manterá aforo reducido “para poder ofrecer unha ensinanza máis personalizada”.

CONSOLIDACIÓN. “Estamos diante dun dos programas máis antigos e máis consolidados do concello, algo que espera a veciñanza e que xa forma parte da súa axenda cotiá”, manifestou a técnica de Cultura, María Vázquez. “Un festival que causa moita expectativa e que ten dous ingredientes moi importantes: maxia en galego e maxia en feminino”, foron as verbas que pronunciou María no remate da rolda de prensa.

programa completo
risa e ilusión sen idade

··· A programación do XVI Festival de Maxia comeza o venres 22 de outubro na casa da cultura de Bertamiráns coa Gala Máxica Infantil. Sarapín chega dende Melilla co obxectivo claro de demostrar que a risa e a ilusión non entenden de idade. Sarapín vai cautivar aos máis pequenos co seu espectáculo ZAS-CA-TA-PLAS. A función comezará ás 17.00 horas e está dirixida a un público familiar. O mesmo día, 22, e no mesmo espazo, terá lugar A Gala Máxica Unipersoal onde os asistentes poderán gozar do espectáculo 100%DaOrtiz. DaOrtiz é sen dúbida un dos mellores cartomagos do mundo enteiro. A sesión será ás 20.30 horas. A Gala Máxica Internacional ofrecerá en Ames dúas funcións, unha en Bertamiráns, o 23, e outra no Milladoiro o 24. Actuarán o sorprendente Didak, o ilusionista Fernando Arribas; unhas das mellores magas do planeta, Huang Zheng e o mago e cómico francés, Jimmy Delp. A gala estará presentada polo artista Luis Boyano. En cada unha das funcións faranse dúas sesións, ás 17.00 e ás 20.00 horas. Finalmente, a maxia chegará á rapazada da man de Nacho Samena e Brandan que impartirán os obradoiros.

09 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.