Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Freixo acollerá a primeira Feira Náutica durante o verán

Celebrarase os días 1, 2 e 3 de xullo // Trátase dun evento de dinamización territorial, turística e máis económica

O alcalde de Outes, Manuel González e a coordinadora da organización da Feira Náutica do Freixo, Mónica Mejías, deron conta este luns da primeira edición da iniciativa que se celebrará na Ribeira do Freixo dende o venres 1 ata o domingo 3 de xullo.

A Feira Náutica do Freixo é un evento de dinamización territorial, turística e económica con contidos profesionais, divulgativos, culturais e lúdicos. Está dirixida ao público xeral e a profesionais do sector, e prima a participación de empresas do Concello de Outes vencelladas ao mar integradas a través dun programa de actividades dirixido a visibilizar, promocionar e gañar volume de negocio.

Ademais da feira sectorial e das actividades artelladas para dar visibilidade ao tecido empresarial local, o programa da feira inclúe charlas, visitas e roteiros divulgativos destinados a trasladar aos visitantes o rico patrimonio inmaterial vinculado ao mar.

Entre as accións divulgativas que se están a organizar de cara ao evento cabe destacar unha mostra de embarcacións tradicionais, unha exposición e un obradoiro de carpintaría de ribeira en colaboración con Culturmar, Agalcari e Terra de Outes.

Talleres, travesías en barco e kayak pola ría, un apartado de sostibilidade, unha zona gastronómica rexentada por algúns dos máis destacados establecementos de restauración da zona e un atractivo programa de actuacións musicais, completan o cartel da feira, que irá debullando a súa programación ata o mes de xullo a través das redes sociais municipais.

Unha iniciativa de balde e para todo tipo de públicos que repartirá os seus contidos pola Ribeira do Freixo, que porá en valor a esencia marítima do territorio e a destacada riqueza histórica, cultural e económica da zona en vinculación co mar, e que aspira a consolidarse -polo seu carácter transversal e integrador- como o principal evento destas características en Galicia.

González convidou á cidadanía galega a participar neste evento que procura situar a Outes no mapa, e agradeceu o apoio do GALP Seo de Fisterra – Ría de Muros-Noia, que financia a actividade.

Os profesionais, empresas, entidades, colectivos ou persoas interesadas en participar na feira poden comunicalo a alcaldia@outes.gal.

11 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.