Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O malestar pola ubicación de depuradora de Queiruga vai chegar ao Parlamento

O PSOE reclama unha solución “urxente e dialogada” // O Concello asegura que A Ponte é “a única alternativa viable”

A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias coa petición dos veciños de Porto do Son para reclamarlle á Xunta unha solución “urxente e dialogada” coas familias afectadas pola adxudicación do proxecto de depuradora de augas residuais no lugar da Ponte.

A responsable socialista lembra que a plataforma veciñal “non se está a opoñer a unha depuradora necesaria, pero reclaman alternativas que non estean próximas a vivendas, que non vertan no río Maior –coñecido pola actividade troiteira– e non afecten á praia do Dique, moi utilizada polos veciños e veciñas”.

Díaz lamenta que a Xunta adxudicara este proxecto “facendo caso omiso a ningunha das alternativas propostas” pola plataforma veciñal, e “nin moito menos informando aos veciños e veciñas afectadas”. Explica que, logo de coñecer a licitación, a veciñanza recolleu preto de 2.000 sinaturas no mes de agosto, e presentou unha queixa diante da Valedora do Pobo que xa foi admitida.

A parlamentaria lembra que este mesmo proxecto fora paralizado en 2009 logo da mobilización da veciñanza, polo menos ata “hai uns meses, cando a Xunta anunciaba a construción da planta de depuración exactamente no mesmo lugar que hai 13 anos, un anuncio que se consumou en datas recentes coa adxudicación do proxecto”.

Logo de coñecer esta decisión, “e logo de solicitalo en reiteradas ocasións, a veciñanza conseguiu reunirse co alcalde e que o Concello lle presentara a Augas de Galicia un documento con tres emprazamentos alternativos en lugares sen vivendas próximas”. Sen embargo, lamenta, a administración local accedeu “sabendo que o proxecto de licitación xa estaba en marcha dende hai meses”.

Dende a administración local, sinalaron este xoves que “tanto dende o Concello como dende Augas de Galicia foron valoradas todas as opcións posibles resultando esta a única alternativa viable. A anterior ubicación, plantexada na zona de Punxeiros, non obtivo o informe favorable de vertidos, por non contar o regato con suficiente caudal porque seca totalmente no período estival”.

Fontes municipais reiteran que esta ubicación final era “a única viable”. Resaltan que informaron aos veciños “e tivemos múltiples reunións cos que se consideran afectados e, de acordo con Augas de Galicia, decidiuse trasladar a instalación á ubicación máis afastada das vivendas, a 200 metros das mesmas”.

“Temos claro que os veciños de Queiruga reivindican o saneamento dende hai moitos anos e esta é unha oportunidade única para dotar deste servizo basico á parroquia. É unha oportunidade que non podemos permitirnos perder”, concluíron.

22 sep 2022 / 20:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.