Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Quintana recibiu aos participantes da Travesía Náutica Xacobea na súa arribada a Portosín // A comitiva, que partiu de Cádiz o 28 de maio, recalou en Santiago este mesmo luns despois de navegar por augas de Andalucía e Portugal TEXTO María Cano

O mar, outra alternativa para achegar Compostela ao mundo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu este luns no Real Club Náutico de Portosín o acto de recepción dos participantes na Travesía Náutica Xacobea 2022, aos que animou a converterse en embaixadores do Camiño de Santiago por mar en todo o mundo e a difundir todos os atractivos que ofrece a costa galega.

A representante do Executivo autonómico –que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o alcalde sonense, Luis Oujo– acudiu a recibir á expedición trala finalización das catro escalas en peiraos galegos: Baiona, Portonovo, Ribeira e Portosín (Porto do Son).

A titular de Mar salientou que as etapas realizadas en territorio galego permitiron aos navegantes coñecer as bondades do litoral da comunidade, con excelentes paisaxes e un mar en perfectas condicións para gozar da travesía. A última etapa para que a comitiva complete o Camiño de Santiago por mar tivo lugar pola tarde a pé, desde O Milladoiro (en Ames) ata a praza do Obradoiro.

No acto, Quintana pediu a todos os participantes que conten aos seus familiares e amigos as vivencias e experiencias da súa viaxe desde Andalucía ata Galicia para facer de altofalantes dun xeito diferente de vivir o Camiño de Santiago e das bondades da comunidade. Ese labor, salientou, “contribuirá a impulsar o sector náutico-recreativo galego e a poñer en valor a calidade das instalacións deportivas coas que contan os peiraos autonómicos”.

Nesta liña, a titular de Mar tamén agradeceu á Junta de Andalucía, a Portos, a Turismo de Galicia e á asociación Asnauga a súa contribución a que esta iniciativa se desenvolvese con éxito e pretende abrir as portas de Galicia ao mundo a través desta iniciativa xacobea.

ruta. Cómpre destacar que a Travesía Náutica Xacobea 2022 está impulsada pola Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga) e saíu do porto de Barbate (Cádiz) o pasado 28 de maio para chegar a Santiago de Compostela na tarde deste luns. Unha vez completado o percorrido, os integrantes da travesía recibirán a súa correspondente Compostela.

Nesta edición, a Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía colaboran mediante a coordinación da travesía no seu territorio e fretando unha embarcación oficial que fixo o traxecto con medios de comunicación, representantes sectoriais e convidados das dúas administracións a bordo. Neste barco tamén navegaron xornalistas especializados doutros países para difundir a importancia do Camiño de Santiago por mar e ampliar a súa repercusión internacional.

orixe. Segundo explican na páxina web de Asnauga, este proxecto xurdiu da idea de rememorar a peregrinación de San Francisco de Asís e a Traslatio do Apóstolo a Compostela por mar, que se fixo por primeira vez no ano 2014. Dito coletivo organizou unha peregrinación náutica sen precedentes, co patrocinio de Turismo de Galicia, con dúas frotas de 45 embarcacións e 275 peregrinos. Establecéronse dúas rutas, unha norte e outra sur. Os participantes de ambos percorridos remontaron o río Ulla nun catamarán ata Pontecesures e desde alí a Santiago, onde finalizou despois dos actos relixiosos na Catedral.

O obxectivo da iniciativa non era outro que “unir distintos pobos e portos coa tradición Xacobea, mediante o desenvolvemento e a educación de todas aquelas persoas con ganas de coñecer e achegarse ao mar”, sinalaron dende a asociación que preside Javier Ruiz de Cortázar.

14 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.