Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Grazas a unha axuda do Goberno galego melloráronse as vías do mesmo // O boqueixonés foi un dos proxectos apoiados en Galicia para o adecentamento de infraestruturas nos polígonos industriais // Gáñase en seguridade TEXTO C. Estévez

O parque empresarial da vila de Boqueixón queda renovado

O parque empresarial de Camporrapado, en Boqueixón, foi obxecto dunha actuación de mellora das infraestruturas viarias. Uns traballos que foron posibles grazas a que a Administración galega achegou 120.000 euros (o 80 %) para un proxecto no que se investiron 150.000 euros. O resto, 30.000 euros, correron a cargo do goberno local. Ata alí desprazouse este martes a secretaria xeral de Industria, Paula Uría.

Durante a súa visita estivo acompañada polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e polo concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias Gómez, así como por técnicos da empresa adxudicataria das obras. Ditos traballos incluíron a mellora das vías perimetrais do polígono empresarial e dos que dan acceso ás empresas que están afincadas nel.

Así, procedeuse á limpeza das marxes e á reapertura das cunetas existentes, que foron canalizadas para mellorar a seguridade viaria na contorna grazas á construción dunha cuneta transitable con 20 centímetros de zahorra, cos seus correspondentes sumidoiros e arquetas. A maiores adecentáronse os viarios cunha nova capa de seis centímetros de aglomerado, previo fresado nos entronques coa AC-960, A Susana-Vila de Cruces, para non sobreelevar a rasante nos accesos. O proxecto incluíu tamén a preconexión á rede de saneamento municipal das propiedades anexas ás estradas, así como o pintado da súa sinalización horizontal.

Para a vindeira convocatoria destinada á mellora de infraestruturas, que se está a tramitar de xeito anticipado para poder activar estas axudas e poñelas á disposición dos concellos a primeiros de ano, apoiaranse plantas de depuración de augas, proxectos de xestión de residuos, infraestruturas viarias interiores, instalacións de sistemas de seguridade, vixilancia e contraincendios, así como servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidróxeno renovable, e obterán un 11 % máis de puntuación todos aqueles proxectos que se implanten en concellos emprendedores.

Estas achegas para adecentar os polígonos empresariais, concédense para tratar de subsanar carencias nas súas infraestruturas e mellorar as súas comunicacións. O importe máximo de ditas subvencións da Xunta ascende, dependendo do tipo de inversión, a 240.000 euros ou a 120.000 por proxecto e os concellos poden recibir anticipos do 25 % dos fondos asignados.

O pasado mes de xuño o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, estivera visitando o municipio boqueixonés precisamente para anunciar o investimento nos parques empresariais na área compostelá. Entre os que percibiron as axudas do Goberno galego encóntranse (a parte do de Boqueixón) o de Melide, Negreira, Ordes, Oroso, Santa Comba e Val do Dubra.

En definitiva, con esta liña de apoios a Xunta pretende solventar determinadas carencias de infraestruturas, así como novas necesidades en materia de comunicacións ou de servizos que presenta o chan empresarial galego co obxectivo de acondicionar e modernizar os parques. O feito de que se asenten empresas nos polígonos da área compostelá, xera traballo, e por conseguinte, vida no rural.

A PROTAGONISTA
“Atraer novos investimentos”
Paula Uría
Secretaria xeral de Industria

Paula Uría explicou que o de Boqueixón “foi un dos 42 proxectos apoiados en Galicia para

a mellora de infraestruturas en parques empresariais”. En concreto, na provincia da Coruña

concedéronse 19 axudas a concellos emprendedores (como o de Boqueixón) que supuxeron un investimento total de 2 millóns de euros.

A actuación enmárcase no obxectivo da Xunta de mellorar e crear novas infraestruturas

sostibles nas áreas industriais e impulsar a atracción de novos investimentos. Así, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ofrece axudas tanto para este tipo de actuacións como para ampliar a rede de viveiros industriais e reforzar as infraestruturas enerxéticas. Tal e como avanzou a secretaria xeral este martes, “estes apoios contarán cun orzamento de 6,1 millóns de euros para o ano 2023”, indicou durante a súa visita á vila boqueixonesa.

{ A OLLADA }
Dar vida
ao rural
Claudina Estévez

ADECENTAR os polígonos industriais galegos é vital para atraer empresas a eles e, por conseguinte, para crear emprego e vida nos municipios nos que se atopan. Os traballos feitos en materia vial no parque empresarial boqueixonés son básicos para mellorar a seguridade e facilitar o tránsito e acceso ás empresas asentadas no mesmo, e polo tanto, para facelo máis atractivo. En toda Galicia son un total de 42 os proxectos apoiados neste sentido por parte do Goberno galego, o que sen dúbida repercutirá positivamente na economía local. Os municipios que contan con polígonos industriais precisan axudas para facelos competitivos e para que os empresarios que buscan asentar as súas oficinas se decanten por eles.

09 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.