Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Durante a fin de semana unha trintena de voluntarios retiraron preto de 3.100 quilos de materiais en máis de duascentas sacas // O obxectivo é organizar moi pronto
rutas guiadas para coñecer o enclave boqueixanés dende dentro TEXTO Claudina Estévez

O Pico Sacro xa está listo para visitas ao interior das covas

O Pico Sacro viviu esta fin de semana unha profunda limpeza que ata entón non experimentara. Labores de mantemento que coincidían ademais, na súa primeira xornada, co Día do Medio Ambiente. E tras un sábado e domingo de duro traballo, as xornadas de limpeza da sima do Pico Sacro finalizaron coa retirada de preto de 3.100 quilos de materiais en máis de 200 sacas.

“Para o Concello de Boqueixón é unha satisfacción ter completado esta iniciativa. Agradecemos o interese e o altruísmo das arredor de 30 persoas voluntarias, que sumaron os seus esforzos para unha nova posta en valor deste icónico enclave, sempre coa premisa de respectar o medio natural e contribuír a súa preservación”, apuntou o alcalde, Manuel Fernández Munín. Hai que lembrar que este proxecto foi promovido polo Concello e executado pola pola Federación Galega de Espeleoloxía. Asemade colaboraron o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Dende a Federación, o seu presidente, Francisco Martínez, realizou “un balance positivo de toda esta acción. Grazas aos traballos desenvolvidos durante a fin de semana fomos quen de ampliar o fondo do Burato dos Mouros (o punto de confluencia de ambas as dúas covas) ata os oitenta centímetros, cando comezamos con tan só vinte. Deste xeito, pódese pasar perfectamente dunha á outra”, concretou.

O obxectivo da Federación para o futuro máis próximo é promover a posta en marcha de visitas espeleolóxicas guiadas ao interior das covas. Unha iniciativa que se apoiará dende o goberno local, que valora moi positivamente o desenvolvemento de actividades que acheguen distinto tipo de visitantes a este lugar. “Ao mesmo tempo, procuraremos que este novo programa turístico sirva para promover unha maior concienciación sobre a importancia de conservar o medio natural e achegarse a el dun xeito respectuoso”, sinalou o rexedor boqueixanés.

Como se dixo, foron unha trintena de voluntarios os que estiveron implicados nos labores. Unha vintena pertencían á Federación, e a eles sumáronse dez membros do Instituto de Ciencias do Patrimonio do Centro Superior de Investigacións Científicas. Con Ana Mª Ruiz Blanch, investigadora do Incipit que está a traballar nunha tese doutoral sobre a Raíña Lupa, como coordinadora. Aínda que, en xeral, os materiais non deberan ter interese patrimonial como tal, si se atoparon distintos obxectos curiosos, que reforzan esa misticismo arredor do Pico Sacro: dende candeas ata unha especie de vara máxica.

Pola súa banda, a Federación Galega de Espeleoloxía tamén organizaron unha charla informativa sobre a Xeoloxía do Pico no Centro de Interpretación. A sesión, á que acudiron máis de trinta persoas, correu a cargo de Marcos Vaqueiro Rodríguez, Doutor Espeleólogo desta entidade.

VISITAS XEOLÓXICAS. GeoTur Galicia, en colaboración co Concello, retomou as visitas xeolóxicas guiadas a este enclave. A primeira tivo lugar este domingo e as seguintes realizaranse os días 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 1, 15 e 29 de agosto, e o 12 e 26 de setembro. O horario será de 11.00 a 12.00 e o prezo son dez euros por persoa (gratis para menores de 12). Hai que anotarse en geoturgalicia@gmail.com ou no 675 820 520. Segundo Joaquín Rubal, guía oficial de Galicia, aínda quedan prazas para a próxima visita, pero “excepcionalmente” van organizar dous turnos (ás 11.00 e 12.30) ante a gran demanda. “Son grupos dunhas 15 persoas, e poden ser de ata 20”, di.

08 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.