Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Regresa unha nova edición do programa Actívate na nosa Terra, dirixido ás persoas con máis de 65 anos // As actividades buscan evitar a dependencia // A primeira saída será a Cambados o vindeiro 27 deste mes TEXTO Claudina Estévez

O Pino dinamiza con talleres e excursións a vida dos maiores

Con dúas excursións, a Cambados e á Coruña, iniciarase nas vindeiras semanas unha nova edición do programa de envellecemento activo co que o Concello do Pino busca promover a dinamización e a vida saudable entre as persoas maiores.

O programa, denominado Actívate na nosa Terra, está dirixido a persoas empadroadas no Pino maiores de 65 anos e aglutina saídas e obradoiros gratuítos coa fin de promover a autonomía persoal e a prevención da dependencia. Todas as actividades son de balde e os participantes só terían que pagar as comidas no caso das saídas.

Ata final de ano desenvolveranse un total de catro obradoiros, que terán entre un e tres meses de duración: obradoiro de estimulación cognitiva, obradoiro de risoterapia, de alfabetización dixital e taller de bailoterapia. Tamén están previstas varias propostas culturais de lecer e tempo libre, entre as que se atopan visitas a Cambados, A Coruña, Ourense, á Ribeira Sacra, ás Rías Baixas e ao Balenario de Cuntis. Ademais, haberá unha saída para ir ao cine ou ao teatro.

A primera das excursións, a Cambados, realizarase o venres 27 de agosto e inclúe a visita a unha adega. As inscricións están abertas ata este luns 23. Unha semana despois, o venres 3 de setembro, haberá outra viaxe á Coruña con visita ao casco histórico de San Antón e á Torre de Hércules. Neste caso o prazo para anotarse remata o luns 30 de agosto.

As persoas interesadas nas actividades poden inscribirse ou solicitar máis información chamando ao teléfono 981 511002 entre as 9.00 e as 13.00 horas, e preguntando por María, a traballadora social. No caso de quedar prazas vacantes, o programa estenderase ás persoas maiores de 60 anos e ás que teñen problemas de saúde. Dende o goberno local lembran que se cumprirán escrupulosamente todos os protocolos que indiquen as autoridades sanitarias no momento da actividade.

ASTRONOMÍA Xa fóra desta iniciativa, o Concello lembra que está prevista outra cita, neste caso dirixida a todos os públicos, e tamén de balde. Trátase dunha observación astronómica enmarcada no programa da Universidade de Santiago (USC) Camiños de Estrelas. Esta proposta, que vén de estar en Arzúa, chega agora ao Pino para dar a coñecer a relación secular do Camiño coa Vía Láctea. De feito, segundo explican fontes municipais, a Vía Láctea é unha guía fundamental que marca o sentido cara a tumba do Apóstolo Santiago. De aí procede o nome deste proxecto.

A cita está prevista para o vindeiro venres, 27 de agosto, na praza do concello, ás 21.30 horas. Os participantes descubrirán polo miúdo a relación da Vía Láctea e a ruta Xacobea e logo formarán parte da observación astronómica coa orientación do profesorado e monitorado do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

Iso si, os que desexen participar teñen que reservar praza previamente para así controlar o aforo. Hai que chamar ao teléfono 981 511065 ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo informacion.xuvenil@opino.gal.

22 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.