Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O plan amiense de prevención de incendios actuará en 350 terreos forestais na nova fase

O Concello presentou a intervención aos veciños da Tarroeira e de Condomiña // Son dez hectáreas e 160 propietarios na zona

O Concello de Ames presentou a quinta fase do seu plan de prevención de incendios forestais, que durante este inverno poderá actuar en ata dez hectáreas de terreos no ámbito da Condomiña e da Tarroeira. A veciñanza destas zonas recibiu as explicacións de persoal técnico do departamento de Medio Ambiente e de membros da brigada forestal municipal, nunha reunión á que asistiron o alcalde, Blas García, e o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens.

O plan de prevención, posto en marcha en 2017, consiste na plantación de árbores frondosas caducifolias para formar faixas de seguridade contra os lumes, protexendo aos núcleos de poboación e mellorando a biodiversidade. As actuacións correspondentes ao período 2021–22 realizaranse no décimo dos 59 ámbitos definidos polo concello para a xestión da biomasa, correspondente ás terras situadas nas zonas da Condomiña e da Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Os traballos poderán beneficiar a dez hectáreas, repartidas entre 350 terreos forestais duns 160 propietarios e propietarias.

Na actualidade, un 86 % das terras deste ámbito incumpren a lei de incendios, polo que Medio Ambiente indica que a posta en marcha destes traballos é unha oportunidade tanto para facilitar o mantemento dos terreos como para aportar beneficios para o entorno. “Dende a concellaría animamos ás persoas propietarias a sumarse ao proxecto, co que non só creamos barreiras naturais contra posibles lumes, senón que tamén contribuímos á biodivgalego e á formación de solo”, sinalou Manuel Lens.

A quinta fase deste plan de prevención xa comezara nos últimos días do mes de novembro, coa adecuación de preto de catro hectáreas de terras nas zonas de Montemaior e Ventosa, uns traballos que quedaran pendentes de anteriores anualidades, afectadas polo avance do coronavirus. Ata o momento, nestas áreas realizáronse rozas mecanizadas e manuais, abríronse buratos para a plantación mediante afuracado, e comezou a plantación dunhas 900 árbores caducifolias, maioritariamente castiñeiros, cerdeiras e carballos.

Para participar, os donos deben ter as súas terras xestionadas de acordo coa lei de incendios, rozadas e sen piñeiros, eucaliptos ou acacias. De cumpriren estes requisitos e estaren interesadas poden poñerse en contacto coa brigada forestal municipal.

02 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.