Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Programa Integrado de Emprego do Sar acada un 37 % de inserción laboral

Gonzalo Trenor e os alcaldes de Padrón, Rois, Dodro e Rianxo agradecen ás empresas a colocación de 45 dos participantes

O alcalde de Padrón resaltou o “éxito de empregabilidade” acadado polo Programa Integrado de Emprego que promoveron con Rois, Dodro e Rianxo. E é que xa atoparon traballo 45 das cen persoas desempregadas formadas dende principios de ano, superando así o 37 % de inserción laboral que pide a Xunta.

“Debemos agradecerlle ás empresas a implicación e as oportunidades laborais que lle ofreceron ao alumnado”, destacou Fernández, antes de lembrar que nos últimos sete anos a Xunta fixo un investimento de dous millóns para financiar os PIE que ata o de agora promovían Padrón, Rois e Dodro e aos que nesta edición se sumou a Rianxo.

O PIE foi clausurado o venres polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; os alcaldes dos catro concellos, Antonio Fernández (Padrón), Ramón Tojo (Rois), Xavier Castro (Dodro) e Adolfo Muíños (Rianxo), asistindo tamén a xefa territorial da Consellería de Emprego, Judit Fontenla. Este Programa foi financiado pola Consellería de Emprego e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) cun orzamento de 250.000 euros.

Trenor destacou a elevada taxa de inserción laboral que acadou este PAI, e agradeceu “a colaboración das empresas” que apostaron por contratar ao alumnado que se estivo formando na zona. Fixo alusión tamén a “necesaria colaboración entre administracións” para unhas iniciativas “que axudan “a empregar a moitas persoas porque son flexibles e se adaptan ás necesidades das empresas”.

INVESTIMENTO. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, resaltou a “forte investimento da Xunta na comarca do Sar” para sufragar diferentes accións formativas . “Levamos proxectos a cabo porque nos unimos para beneficiar a cidadanía. A unión dos concellos tamén se transmite á sociedade”, afirmou. Ademais de felicitar ás empresas, Tojo lembroulle ao alumnado que outra forma de incorporarse ao mercado laboral é converténdose en traballadores autónomos, unha posibilidade que tamén forma parte do sistema, e onde teñen a vantaxe de ser os seus propios xefes.

Xavier Castro, alcalde de Dodro, agradeceu a colaboración das empresas e lembrou que durante o programa se fixeron máis de 400 accións de orientación laboral individuais cos participantes e queforon máis de 1.000 as horas de formación nos sectores industrial, agrario, hostaleiro, alimentario, metal e téxtil.

O vindeiro ano 2023, a Consellería de Emprego e Igualdade manterá o programa na comarca do Sar, aínda que nesta ocasión van participar seis municipios, que son Padrón, Rois, Dodro, Rianxo Pontecesures e Valga.

21 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.