Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 06 diciembre 2022
14:47
h
CULTURA URBANA. A celebración do festival acércase e está xa dispoñible a revista oficial do mesmo // Este ano actuarán na vila sonense artistas da talla de Kaydy Cain TEXTO Pedro Brea

O Rompetiño leva o seu estilo ao papel

O festival de cultura urbana Rompetiño Jump, que se celebra dende hai cinco anos en Porto do Son é, xunto co Marisquiño, a cita por antonomasia no referente á música e aos deportes extremos. Este acontecemento acolle dende concertos de artistas coñecidos tanto nacional como internacionalmente ata mostras de deportes como o BMX ou o Skate. Ademais, o certame conta cunha marca de roupa propia de gran éxito: Rompiente Clothing.

Este ano e debido a todos os protocolos que son necesarios para garantir a seguridade por mor da COVID, só se celebrará a parte musical do evento, a cal será realizada o venres 3 e o sábado 4 de setembro cun cartel que reúne ao mellor do panorama urbano de España. Artistas como Delaossa, Israel B, Mayo 214 ou Sabta Salut entre moitos outros da envergadura de Kaydy Cain.

Pese a todas as complicacións que a situación pandémica xerou, o Rompentiño Jump vaise celebrar coa maior normalidade posible e, como xa fixo ao longo dos anos anteriores, vai brindar aos asistentes co mellor espectáculo urbano da Península. Ademais, e para non perder as boas costumes, a organización do festival volveu editar a tan aclamada revista sobre o festival, na que se recollen materiais inéditos acerca do mesmo: entrevistas cos artistas e imaxes exclusivas, a maiores de toda a información xunto co organigrama completo do festival.

Por outra banda e por primeria vez, o Rompentiño Jump quixo porlle a guinda ao pastel e facer unha canción oficial da cita, que servise como himno dunha edición que se levará a cabo grazas ao compromiso e ao traballo dun gran equipo.

Así pois, a dirección quixo darlle a oportunidade “a un dos dúos máis gamberros do Barbanza”, o Dúo Minúsculo que, xunto coa colaboración de Noize Burner, D3prods e Miriam Agraso, crearon unha peza que ten como obxectivo mostrar “unha mirada persoal do traballo que hai detrás deste mundo musical, ofrecendo un contrapunto, creando algo serio, a canción Calaveras, para facer dela o himno do festival”.

O Rompentiño Jump non só é un festival urbano, senón que exerce un claro labor social pondo en valor a zona do Barbanza, feito que se pode ver con tan só abrir a revista desta edición, na que lle dan espazo e publicidade a grandes promesas do deporte e da música, como é o caso de Noa Romero, taekwondista do RP Team, un grupo de deportistas que contan co apoio directo do festival e da marca de roupa do mesmo. Noa é campioa de Galicia e de España, ademais de conseguir o ouro no Multi European Game.

Outro caso como o de Noa é o de Alberto Carracedo, máis coñecido como Milu, un rider de BMX, nado en Vilagarcía, que tamén forma parte do RP Team. Este xa sabe o que é subirse a un escenario no festival, xa que foi invitado a porse enriba do mesmo no concerto de Fernandito Costa xunto co seu compañeiro Kaixo, feito que marcou tendencia e que se repetiu nas Festas da Dorna.

No ámbito musical a revista conta con entrevistas a dous dos cabezas de cartel do festival: Mayo 214 e Swit Eme. Referente ao primeiro, nada máis e nada menos que disco de ouro, cabe destacar o seu estilo introspectivo co que acadou a popularidade no panorama do underground madrileño e, posteriormente, no ámbito nacional. Deste xeito, Mayo 214 conta con cancións como Alejandro, a cal versa sobre el mesmo e como ben di na entrevista “é o tema máis especial da miña carreira; nunca me parara a adicarme ese anaco que todos nos debemos dar a cada un de nós”.

Esta canción é unha clara introspección que mostra a filosofía de vida e os valores do artista con frases como a seguinte: “Oye Mayito, que creces, que cumples veinte, sopla las velas y explica cómo te sientes, sigo pensando que aunque cambie mi presente me faltará el abuelo y seguirá sobrando gente”. Ou esta outra: “Dale Alejandro, levanta que ya es hora, recuérdale a tu madre que es una señora, pide perdón a tu padre por tantas cosas, por los coches patrulla, por los líos de esposas”. A modo de resumo, paga a pena destacar as entrevistas coas que conta a revista, xa que permítenlle ao lector a posibilidade de coñecer dun xeito máis profundo e íntimo a algúns dos artistas máis importantes do rap español. Esta é gratuíta e atópase dispoñible nas zonas de O Son, Noia, Ribeira e Muros, e proximamente, en Santiago. Tal e como dixo un dos mellores surfistas do mundo, Guillermo Carracedo, “o Rompetiño Jump é un eventazo”.

22 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.