Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O campanu saíu ás 17.00 horas, no Coto do Ximonde, e pesou case sete quilos e medio // O estradense e hostaleiro Diego José Ortega foi o artífice da captura // O peixe ten a cola desgastada e algunhas marcas no lombo, posiblemente a causa dalgún depredador ou por culpa das redes TEXTO Alba Prada

O salmón do Ulla fíxose de rogar

Arrancaba onte a tempada de pesca do salmón nas augas do Ulla. Os Cotos de Ximonde (con seis pescadores autorizados), o de Sinde (outros seis), Santeles (oito), Pontevea (oito pescadores) e tamén os dous de pesca sen morte: Xirimbao (seis autorizados) e Ulla-Deza (dez) recibían a todos os afeccionados desta actividade dende ben cedo. As esperanzas de capturar o primeiro salmón eran moitas, pois como ben comentaba Fernando Fernández, axente territorial, “o día prestábase para a pesca, facía calor, pero tampouco demasiado e o grao de turbidez das augas era moi aceptable”.

Os ánimos foron decaendo cando ao longo da mañá a desexada captura non chegaba. “O normal é que o campanu caia xa nas primeiras horas do día, e tras el adoitan chegar dous ou tres máis”, relataba Fernando a este xornal.

Chegaba así a tarde e os pescadores xa case tiñan asumido que o primeiro salmón se resistiría a saír este ano o 1 de maio. Pero, contra todo pronóstico, o estradense Diego José Ortega, propietario do bar O Rollo (ubicado en Santa Cristina de Vea), acaparaba toda a atención dos medios de comunicación e dos seus compañeiros ao pescar o prezado exemplar. Eran as 17.00 horas da tarde e o Coto de Ximonde celebraba a boa nova. Porque o campanu fíxose de rogar, e moito máis do normal, pero a captura non podía ser mellor: o salmón pesou case sete quilos e medio, e mediu 91 centímentros. Dende logo, o mellor exemplar dos últimos anos.

O triunfo de Diego foi por partida dobre: é o primeiro salmón que pesca nos oito anos que leva inmerso nesta actividade e, para máis inri, cando o consegue, logra inaugurar a xornada de pesca 2021. “Son hostaleiro e o certo é que non teño demasiado tempo para adicarlle á pesca. Normalmente adoito ir dous ou tres días por tempada, así que é lóxico que aínda non conseguira a miña primeira captura”.

O exemplar foi pescado con cucharilla e sen demasiado traballo. “Ao longo da mañá divisei dous salmóns que ían dando zancadas. Os salmóns fan moitas veces como os delfíns, botan a cabeza cara a superficie e volven desaparecer”, explica Diego. “O exemplar que logrei capturar vino dúas veces. A segunda estaba moi preto da orilla, así que, sen demasiada convicción, pero por probar sorte, botei o anzol e ao momento picou”, conta. “Saqueino da auga en cinco minutos”.

O exemplar, ao parecer, tiña un pouco magullada a cola e varias marcas no lombo “supoño que a causa dunha pelexa con nutrias ou quizais por culpa das redes ”. E é que xa se sabe que as redes de arrastre matan cada ano a miles de peixes e son mortais para a fauna mariña. Especies que nin sequera son comestibles acaban falacendo por esta práctica.

Diego estaba ubicado no posto chamado O Pozo cando obtivo a vitoria e agora non ten moi claro se o salmón, a pesar de ser enorme, chegará para repartir entre “tantas persoas ás que lle prometín que probarían o meu primeiro salmón”, conta. “Vouno gardar porque quero compartilo con varias persoas, e agora mesmo non podemos reunirnos tantos”, indica. “Convidarei ao meu irmán, a miña familia e amigos a comer esta delicatessen do Ulla”.

Diego, de 42 anos, é moi coñecido na zona. El rexenta o bar e o seu irmán “o que me meteu o gusanillo da pesca” ten un blog chamado Ás orillas do Ulla. “É o máis visitado de toda España”, conta. Aínda que a súa profesión non lle deixa moito tempo para o ocio, seguro que agora, despois de probar as meles do triunfo, sacará tempo de onde non hai para atrapar novos salmóns.

E por certo, a pregunta do día: por que foi tan mala a pesca? A resposta é un misterio, pero entre os pescadores escoitábase onte que o nivel da auga era máis ben alto. Sexa esa a causa ou non, o certo é que foi o único salmón que caera cando se escribiron estas liñas, á noitiña. Se ve que os peixes estaban a gusto no río, no seu medio natural.

02 may 2021 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.