Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Sar énchese de actos culturais para celebrar
o nacemento de Rosalía

Padrón fará ofrendas e tertulias o día 23 e Dodro plantará unha figueira // En Rois inaugurarase o 28 o mural vexetal de Seira

Ofrendas, tertulias, plantacións, murais, presentacións de libros e lecturas de poemas son algunhas das actividades organizadas nos concellos do Sar (Padrón, Rois e Dodro) para conmemorar o día 23 o nacemento da súa escritora máis universal, Rosalía de Castro.

O Concello de Padrón celebra o Día de Rosalía, que dende este ano pasa a conmemorarse o 23 de febreiro coincidindo coa data real do seu nacemento segundo a últimas investigacións, coa tradicional ofrenda floral na estatua do paseo do Espolón, ás 10.00 horas. O grupo de gaitas Os Carapaus poñerá o acompañamento musical, mentres o alumnado do IES Camilo José Cela lerá varios poemas. Nenas e nenos dos colexios e institutos sumaranse tamén á celebración plantando un fillo da figueira da casa de Rosalía nos seus centros.

Xa pola tarde, ás 16.30 horas, o xardín botánico acollerá as Terturlias clandestinas con Rosalía, unha conversa entre o locutor de radio José Manuel García e a guía turística María Chamadoira. Musicalizará este encontro a vocalista bastavalesa Fátima Pego. A entrada será gratuíta pero haberá que reservar praza na oficina de Turismo. A xornada pecharase coa presentación do libro ‘O sal dos días’ de Rafael Xesús Vidal, gañador da oitava edición do certame poético Rosalía de Castro.

Pola súa banda, no Concello de Dodro os actos do día 23 comezarán ás 17.00 horas, no parque da Casa do Concello, coa plantación dunha figueira, filla da que loce no xardín da Casa Museo, de máis de 150 anos.

Logo farase a presentación da mostra Rosalía de Castro, obra completa e manuscritos, nunha publicación única en pergameo, elaborado a man e cosido con fío vexetal, con incrustacións de palla e que inclúe 9 obras gráficas de Gosia Trebacz. Libro que pertence a unha tirada limitada, autenticada mediante acta notarial. Unha peza de arte que permanecerá exposta ao público no Concello e que fai xustiza á importancia da obra mediante a cal a figura máis representativa da historia da literatura galega sitúa a Dodro (especialmente Laíño e Lestrobe) na cartografía literaria de Galicia.

A xornada continuará ás 18.00 horas, nas dependencias do Hotel Pazo de Lestrove, coa obra A viaxe de Rosalía de Larraitz Urruzola Producións Artísticas, actuación pertencente á Rede Cultural da Deputación da Coruña. Esta actividade combina as técnicas da narración oral tradicional coa interpretación actoral, e uns fermosos títeres de mesa e música para amosarnos a vida e personalidade de Rosalía. Un espectáculo dirixido á infancia de máis de 6 anos e ao público familiar. Ao finalizar as persoas asistentes poderán degustar un magnífico Caldo de Gloria, receita inspirada no poema Miña casiña, meu lar no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.

Súmanse á celebración establecementos hostaleiros de Dodro paticipando nas iniciativas Café con verso e Caldo de Gloria. Son: Casa Buela, Imo; Cafe Bar da Silva, Tallós; Casa Pancho, Igrexa de Dodro; Cafetería Caprichos, Lestrobe, e Pazo de Lestrobe.

Finalmente, o Concello de Rois celebra o Día de Rosalía o 28 coa inauguración dun mural vexetal realizado polo artista local Camilo Seira baixo o título Rosalía sempre viva, ás 19.00 horas no auditorio municipal. A seguir, presentarase a publicación Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos coas intervencións de Henrique Monteagudo, editor dos textos; Manuel Mariño Currás, director da editorial, e Ramón Tojo Lens, alcalde de Rois.

Ao remate do acto servirase un caldo e agasallarase aos asistentes cunha cunca de barro como lembranza da xornada conmemorativa.

20 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.