Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 07 agosto 2022
17:40
h
A Xunta concedeu o ano pasado axudas por máis de 180.000 euros nas granxas da área compostelá // En Frades contaron cunha achega de 76.000 euros // Este ano sube a subvención ata os 3, 7 millóns para atender máis solicitudes TEXTO C. Estévez

O sector agrícola da comarca súmase ás enerxías renovables

A Finca Canedo, en Frades, foi unha das beneficiarias o ano pasado do conxunto de axudas que puxo a Xunta a disposición do sector agrícola co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e tamén o uso das enerxías renovables nas explotacións agropecuarias galegas. Os apoios permitiron que 13 granxas da comarca recibiran no 2020 máis de 180.000 euros. En Frades contaron con estas achegas catro, por un importe total de máis de 76.000 euros.

Ata o lugar desprazouse o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, quen explicou que a convocatoria deste ano contou cunha ampliación “ata os 3,7 millóns de euros co obxectivo de atender un maior número de solicitudes”. Dita ampliación permitiu apoiar 420 proxectos. En concreto, destaca a fotovoltaica con 386 iniciativas, seguido da biomasa con dez proxectos, sete actuacións de minieólica, tres bombas de calor xeotérmicas e outras tres de aerotermia, ademais de once iniciativas de aforro e eficiencia enerxética.

A novidade desta convocatoria foi a de fomentar as axudas en explotacións agrarias que carecesen delas e nas situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se tiveron en conta os datos do IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos concellos galegos.

A Xunta convocou por primeira vez en 2017 esta liña específica de proxectos renovables para este sector e, desde entón e contando con esta convocatoria, son preto de 1.000 iniciativas con axudas de case 11,5 millóns de euros en toda Galicia.

O Goberno galego, a través da Vicepresidencia segunda e da consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta tamén cun total de 1,67 millóns de euros procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética que se destinarán a unha convocatoria de apoio á implantación de tecnoloxía eficiente nas explotacións agropecuarias que reduza o consumo inicial en polo menos un 10 %. As axudas, de concorrencia non competitiva, poden destinarse á mellora da eficiencia enerxética das instalacións de regadío: substitución de grupo de bombeo por
outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético; implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos; implantación ou modernización de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega; ou instalación e substitución de baterías de condensadores nas estacións de bombeo, por exemplo. Tamén se poden utilizar para a mellora enerxética e uso de enerxías renovables nas explotacións, como por exemplo actuacións sobre a envolvente térmica; nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; substitución da enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas; ou a reforma ou cambio das instalacións de iluminación interior e exterior, entre outras.

A axuda máxima por proxecto será de 1 millón de euros e poderán optar a elas tanto as persoas físicas como xurídicas. Con estas dúas liñas de axudas o Goberno galego, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), busca seguir fomentando os investimentos en proxectos de aforro enerxético no sector agropecuario, así como impulsar o uso de enerxías renovables.

O PROTAGONISTA
“Uns aforros considerables”
Roberto Rey
Alcalde de Frades

O rexedor animou ás explotacións agrogandeiras do municipio a seguir sumándose a este tipo de programas que achega a Xunta de Galicia. “En 2020 participaron catro explotacións de Frades, tres delas nesta parroquia de Abellá, pero é que no 2021 temos noticias de cando menos unha ducia máis de proxectos, o que demostra os beneficios que achegan este tipo de axudas da Xunta”, sinalou.

“Hoxe falando con José Luis e con Beatriz, da Finca Canedo, comprobamos como grazas aos paneis solares que instalaron puideron cubrir un 60 % do seu consumo o pasado mes de xuño e entre un 25 e un 30 % nos meses de decembro ou xaneiro, con menos sol. Son uns aforros moi considerables pois neste caso concreto supuxo pasar duns 1.800 euros en xuño de 2020 a 800 euros en xuño de 2021. Agora haberá que estar atentos a como afecta ao sector a nova tarificación eléctrica”, apuntou Roberto Rey.

{ A OLLADA }
Reducir a contaminación
Claudina Estévez

Cada vez consumimos máis enerxía, algo que se debe a que cada día hai máis dispositivos conectados á rede. Durante anos usáronse combustibles non renovables como o petróleo, o gas ou o carbón, pero son finitos e difíciles de conseguir. É por iso que para evitar que se esgoten as fontes de enerxía e para reducir o nivel de contaminación, é preciso pensar nunha alternativa: as enerxías renovables. Por todo isto, as axudas da Xunta ás granxas da comarca son vitais para animar ao sector agrícola a apuntarse a esta mellora enerxética. Unha subvención que ademais este 2021 se incrementará. Frades foi un dos municipios máis beneficiados o ano pasado, e para este conta xa con polo menos unha ducia de solicitudes.

09 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.