Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Son completará a reforma do seu bordo portuario coa naturalización de O Cruceiro

O Consello da Xunta aprobou este xoves o investimento para a súa recuperación // O proxecto ascende a máis de 260.000 €

Porto do Son completará a remodelación do bordo litoral coa naturalización da praia de O Cruceiro. A Xunta colaborará na recuperación do areal, delimitada entre o espigón, a avenida de Galicia e o parque infantil, mediante o fomento e consolidación das dunas e a organización de accesos a través delas.

O importe do proxecto ascende a preto de 263.000 euros, dos cales case 184.000 €, o 70 %, serán aportados polo Executivo galego e a contía restante, 79.000 €, un 30 %, será achegada polo Concello.

O Consello da Xunta, na súa reunión do pasado xoves, autorizou a sinatura dun convenio para a materialización desta actuación, que pretende poñer en valor preto de 4.000 metros cadrados da zona portuaria da vila sonense.

Segundo explicaron dende o Goberno autonómico, os traballos consistirán na demolición de muros de formigón, asfalto e bordos actuais, e tamén se realizarán movementos de terras para dar firmeza aos cimentos da pasarela que se instalará.

Os pavimentos reporanse con lousas de granito e as pasarelas remataranse en madeira de pino. Así mesmo, a actuación recolle a instalación de abastecemento e saneamento para dar servizo aos usuarios da praia, coa colocación de duchas e lavapés, alumeando e balizas.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda prevé licitar o contrato público das obras antes deste verán, polo que as actuacións poderán iniciarse este mesmo ano. Cómpre destacar tamén a colaboración de Portos de Galicia, administración que debe autorizar as obras por desenvolverse en terreos da súa titularidade.

Esta iniciativa é acorde ao plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno galego “pa-
ra promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social, así como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais galegos”, indicaron dende a Xunta de Galicia.

Asemade, esta actuación do programa de equipamentos públicos “dá cumprimento ao obxectivo de fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico dos concellos”.

A tenente de alcalde sonense, María Maneiro Quintáns, destacou que se trata dunha obra “que culminará a renovación da nosa fachada marítima e que mellorará cualitativamente a paisaxe da praia urbana da vila e o xardín contiguo á mesma, retirando o asfalto dunha contorna natural, devolvendo á zona un aspecto naturalizado”.

30 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.