Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 24 enero 2022
21:55
h
Presentan un roteiro emocional cunha aplicación de Internet que complementa a senda existente // Narran as vivencias de traballadores e persoas relacionadas coa actividade // Transcorre polo litoral dos núcleos do Freixo e San Cosme TEXTO M. Cano

O testemuño revive o pasado da carpintería de ribeira en Outes

O Concello de Outes deu a coñecer o pasado martes no centro náutico do Freixo o roteiro emocional dos Carpinteiros cos Pés Mollados. Trátase dunha aplicación de Internet que complementa a senda xa existente, que transcorre polo litoral das parroquias outenses do Freixo e San Cosme.

Grazas á mesma os usuarios verán e escoitarán o testemuño de vellos carpinteiros e doutras persoas relacionadas con esta actividade, que contarán as súas experiencias a través dos vídeos.

Na presentación do itinerario estiveron presentes algunhas desas persoas que contan as súas vivencias, como son os mestres carpinteiros Manolo Amado, José Abeijón ou Manolo de Xan. Tamén participaron na elaboración do roteiro emocional Manuela de Sara e Paula Vilariño, esta última neta dunha saga de carpinterios de ribeira.

Do mesmo xeito, non quixeron faltar á iniciativa o arquitecto Oscar Fuertes, encargado de explicar a pegada desta actividade no territorio, ao igual que Santi Llovo, que é autor dunha das principais publicacións sobre a historia da carpintería de ribeira en Outes.

Segundo indicou o alcalde, Manuel González López, trátase “dun paso máis na aposta do Concello por poñer en valor esta actividade que tanto significou na historia outense, que é recoñecida como a berce da carpintaría de ribeira en Galicia”.

O proxecto contou co apoio do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Costa Sostible e foi elaborado pola empresa Mr Turismo, quen combinou as novas tecnoloxías coa recollida de testemuñas locais para lograr o deseño deste atractivo produto.

As persoas que desexen coñecer este roteiro emocional poderán baixar un código QR que se instalará no inicio do traxecto, no paseo marítimo do Freixo. Tamén atoparán unha recreación virtual deste itinerario na páxina web municipal (que é turismo.outes.gal).

Ao respecto, cómpre lembrar que esta industria foi de fundamental importancia en Outes en xeral, e no Freixo en particular, que foron a principios do século XX o concello e parroquia con máis carpinterías e talleres de fabricación de embarcacións de madeira en Galicia, contabilizándose ata trinta e seis.

O pasado da carpintería de ribeira outense vivirá eternamente nunha comarca onde o progreso non implicou a destrución das arraigadas tradicións do litoral galego.

patrimonio. O Concello de Outes ofrece a veciños e visitantes unha gran variedade de contornas naturais e elementos patrimoniais de interese dos que desfrutar en múltiples itinerarios establecidos.

A subida ao monte Tremuzo, unha ruta circular de 26,8 km, permite contemplar polo camiño restos que, ao igual que as carpinterías de ribeira, contan a historia do muncipio. Concretamente, nesta ruta os sendeiristas poden admirar a igrexa de San Xoán de Sabardes, a fonte milagrosa de San Bieito ou as ruínas da capela.

Por outra banda, á sombra da ponte de orixe medieval de Pontenafonso (século XIV) atópase unha contorna natural de gran valor paisaxístico e ecolóxico que o Concello de Outes puxo en valor deseñando un roteiro de 18,5 km.

Pontenafonso, que figura como Ponte das Pías nos documentos medievais, une Outes e Noia, superando o obstáculo do río Tambre, que serve de límite entre ambos municipios. Crese que foi construído durante o reinado de Alfonso IX, ao que debe o seu nome.

Este percorrido achegará ao camiñante ata o monte Castelo, a Pedra Serpal, a central hidroeléctrica do Tambre ou mesmo a un pazo.

Rutas cargadas de beleza que invitan a mergullarse na historia.

06 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.