Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
VISITAS TEATRALIZADAS. Boiro ofrece xa a posibilidade de coñecer o pasado do inmoble da man da compañía Os Quinquilláns // Os protagonistas do relato, ambientado en 1927, son o militar, a súa dona e Consuelo, a criada, quen herdaría a propiedade TEXTO Suso Souto

O xeneral Joaquín Barriere ‘volve’ ó Pazo de Goiáns para facer historia

O emblemático Pazo de Goiáns (que figura no escudo de Boiro) volve estar habitado despois da súa rehabilitación, aínda que non en sentido literal, senón figurado. E é que o Concello acaba de abrir ás súas portas para poder asistir ás visitas teatralizadas da man da compañía Os Quinquilláns.

Ponse así en valor o pasado que atesoura este símbolo do señorío que entre os séculos XV e XIX rexía boa parte do territorio da comarca do Barbanza e que foi construído polos Fandiño Gayoso a mediados do século XVI, posiblemente sobre unha torre defensiva anterior que foi destruída durante as Revoltas Irmandiñas do século XV.

Como a meirande parte dos pazos e casas señoriais, este inmoble pasou polas mans de varias familias: Soutomaior, Caamaño, Mariño, Varela, Ulloa, Mendoza, Castro e Parga, etc. Para escenificar o seu relato en clave cómica, Os Quinquilláns elixiron como personaxe central ao xeneral da Armada Joaquín Barriere Pérez e á súa dona, María Caamaño García, así como á criada do matrimonio, Consuelo Carou (quen, por certo, era curmá da poetisa noiesa María Mariño). Consuelo e o home co que casara en 1910, Vicente Martínez Martínez, acabarían herdando o pazo, pois os seus propietarios non chegaron a ter descendencia.

Entre os primeiros que puideron gozar desta teatralización están os alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES Praia Barraña, que asistiron a unha función o pasado martes.

As vindeiras visitas guiadas polo elenco de Os Quinquilláns para o público xeral serán este sábado 22 ás 17.30 horas e o domingo día 23 ás 11.15 horas. As inscricións están aínda abertas na casa da cultura da Cachada. En caso de choiva, a actividade trasladarase aos días cinco e seis do vindeiro mes de novembro.

Esta proposta ten como finalidade dar a coñecer o patrimonio e a historia do Pazo de Goiáns a través do punto de vista dos personaxes baseados en quenes o habitaron.

Para a elaboración destas visitas teatralizadas realizouse un encontro coa veciñanza para a posta en común da sabedoría popular e os recordos das persoas que estiveron vinculadas ao pazo. Os participantes (cos que os actores e actrices interactúan de vez en cando) van coñecendo as historias ao longo dun percorrido pola ampla finca que rodea o inmoble, as viñas, o embarcadoiro e a antiga zona de recreo dos fidalgos pois, no século XVIII, a época máis gloriosa do Pazo de Goiáns, había na finca unha fermosa zona axardinada.

TERESA CAAMAÑO. A través dos personaxes de Joaquín Barriere, María Caamaño e Consuelo Carou cobran tamén protagonismo outras figuras vencelladas, directa ou indirectamente, coa histórica construción boirense, como Antonio Cernadas, o Cura de Fruíme (que residiu nela como convidado) ou unha das súas propietarias, Teresa Caamaño, unha muller cunha gran formación cultural, con coñecementos de Física e que falaba varios idiomas.

DOLMEN DE DOMBATE. Os Quinquilláns leva celebrando visitas teatralizadas en ubicacións repletas de historia dende 2013, cando empezou a facelas no Castelo de Vimianzo. Na actualidade fai tamén este tipo de actividades sobre a Batalla de Cacheiras (Teo), a Batalla de Altamira (Brión), a viaxe de Exeria ao Castro de Santa Tegra, no Dolmen de Dombate (Cabana) ou nas Torres do Allo (nas que Francisca Rioboo Álvarez e Víctor López Seoane reciben aos foreiros que veñen pagar as rendas, deixándolles entrar no pazo por primeira vez).

delegribeira@elcorreogallego.es

20 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.