Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Clausurouse Empregateapp, que se celebrou compartido con Vedra, Boqueixón e Teo // Na Área de Santiago o Goberno galego financiará oito na convocatoria 22-23 cun investimento que supera os 4 millóns de euros // Están orientados a cubrir as demandas das empresas da contorna TEXTO C. Estévez

Obradoiros para xerar empregos

Este mes son os moitos os obradoiros de emprego da comarca que se están a clausurar. Esta semana facíao o destinado a menores de 30 anos Empregateapp, que se celebrou compartido con Vedra, Boqueixón e Teo e que estivo centrado en programación con linguaxes orientados a obxectos e bases de datos relacionais. Este taller contou cun apoio da Xunta de 369.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Ao acto acudiu o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, quen estivo acompañado polos alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández, e Vedra, Carlos Martínez, e por membros da Corporación de Teo.

Trenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación porque, ademais de mellorar as capacidades para que os desempregados atopen un traballo, compleméntase con labores nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna. O representante do Goberno autonómico destacou o compromiso do Concello de Teo coa empregabilidade porque leva anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e consegue importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afronta. O delegado da Xunta apuntou que “a convocatoria deste ano inclúe diversas novidades, como a ampliación da duración dos obradoiros dos 9 aos 12 meses”, dixo.

Teñen preferencia, como en pasadas edicións, os beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia, as mulleres, en xeral, e as vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, aqueles alumnos que carecen de títulos universitarios ou de Formación Profesional de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Trenor destacou que na comarca de Santiago a Xunta financiará na convocatoria 2002-2023 outros oito obradoiros de emprego nos concellos de Ordes, Santiago, Trazo, Padrón, Santa Comba e Melide e na Mancomunidade de Ordes, grazas a un investimento que supera os 4 millóns de euros. “O Goberno galego está a tramitar unha partida adicional de 10 millóns para chegar a máis beneficiarios, o que permitirá, cun orzamento global de 50,8 millóns de euros, que unhas 2.000 persoas sen emprego poidan formarse e acceder a un contrato laboral”, indicou.

A PROTAGONISTA
“A limpeza dos montes é vital”
Fina Suárez
Alcaldesa de Trazo

A rexedora de Trazo explicou que a partir do 19 de setembro se porá en marcha un obradoiro de emprego centrado no ámbito forestal. Desta vez, Trazo será o promotor, e estará compartido con Tordoia e Cerceda. “Son un total de 20 as persoas que se beneficiarán, pero aínda non sabemos cantas serán de cada municipio. Este luns reunirémonos para deixalo pechado”, sinalou a alcaldesa.

Tamén se beneficiará Trazo doutro obradoiro que comparte cos outros seis municipios da Mancomunidade de Ordes (Tordoia, Cerceda, Oroso, Ordes, Frades e Mesía). “Neste caso a formación centrarase no eido da albanelaría e a carpintaría”, indicou Fina Suárez.

O orzamento que a Xunta de Galicia aportou a cada un destes dous obradoiros é de case 504.000 euros. Un investimento que, según sinala a rexedora, “é moi útil para que os parados poidan facerse un oco no mercado laboral, pero tamén, no caso do obradoiro do que somos promotores, para axudar na limpeza dos montes”. Algo vital para evitar os incendios.

{ A OLLADA }
Formación para todos
Claudina Estévez

Sempre é unha boa nova que se poñan en marcha iniciativas que perseguen atoparlle un oco no mercado laboral ás persoas que o teñen máis complicado. Os obradoiros de emprego que a Xunta pon en marcha por toda a comarca son unha perfecta opción para as persoas paradas. Ademais de beneficiarse de coñecementos nunha especialidade concreta, tamén fan prácticas en empresas da contorna. Asimesmo, oriéntanse os obradoiros a aqueles ámbitos que máis demandan as empresas da zona, co obxectivo de que lles sexa máis doado conseguir un posto na zona. É unha boa nova que, ademais, co paso dos anos se vaian introducindo novidades, como o aumento da duración dos cursos. Para 2022-2023 serán 12 meses en vez de 9.

08 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.