Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
gala. Tres dos doce galardóns COAG recaeron na Surf House de Miñortos, o campo da Gandareira e a rehabilitación dunha vivenda en Miraflores TEXTO S. S.

Obras de O Son, Silleda e Muros reciben premios de arquitectura

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado a gala da dezanove edición dos premios COAG, onde se concederon as distincións ás mellores obras arquitectónicas e urbanísticas de Galicia. O acto celebrouse no Pazo Baión, en Vilanova, e consistiu no recoñecemento a todos os profesionais que participaron nos proxectos premiados.

Entre os doce proxectos galardoados, tres corresponden ó ámbito de Área de Compostela (de Porto do Son, Silleda e Muros), así como outros dous que recibiron mención especial (de Carnota e A Laracha).

Entre as autoridades presentes atopábanse a decana do COAG, Elena Ampudia; o presidente da Delegación de Pontevedra do COAG, Anselmo Villanueva; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

Na categoría de Vivenda unifamiliar foi galardoada a Surf House de Miñortos (Porto do Son), deseñada por Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo (Dosesmas Arquitectos). Foi, segundo eles mesmos, “o encargo dunha persoa sinxela, discreta e austera, gran amante da natureza e o mar; o refuxio dun amigo, pescador e surfista que non quería máis que unha pequena casa construída con materiais tradicionais integrada en su entorno”.

No apartado de Outros edificios de nova planta premiouse o deseño do campo de fútbol de A Gandareira (Silleda), obra de Abraham Castro Neira e Carlos A. Pita Abad. As gradas e os vestiarios ubícanse nunha peza semisoterrada de muros de formigón na que se apoia por simple gravidade unha cuberta de vigas pretensadas en forma de T invertida. Neste apartado recibiron mencións do xurado o centro social de Cornido (Carnota), deseñado por Covadonga Carrasco López e Juan Creus Andrade, e o centro de urxencias extrahospitalarias da Laracha, obra de Cristina Ezcurra de la Iglesia e Cristina Ouzande Lugo.

En Obras de restauración e rehabilitación resultou premiada a dunha vivenda unifamiliar en Miraflores (Muros), deseñada por Iago Fernández Penedo e Óscar Fuertes, que tiveron en conta a panorámica de 180 graos da ría que se pode contemplar dende os enormes ventanais.

A gala, presentada pola actriz galega Marta Doviro, converteuse nun evento social que reuniu arredor de douscentos convidados do ámbito da arquitectura galega, ademais de contar coa presenza de personalidades dos eidos da política, a empresa e a cultura de Galicia. Música e diversos espectáculos animaron a tarde, na que o xornalista galego de TVE Xabier Fortes entrevistou sobre o escenario a César Portela, arquitecto galardoado nesta edición pola súa dilatada carreira profesional.

As distincións consistiron nunha figura guerreira en granito do escultor Francisco Pazos. Na súa intervención, a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, destacou que “a boa arquitectura é e foi sempre sostible”, xa que, segundo explicou, construír de forma sostible non é máis que construír de forma lóxica, adaptada ao lugar e cos medios materiais estritamente necesarios para proporcionar benestar ás persoas”.

Elena Ampudia manifestou que Portela “é un exemplo de arquitecto cunha obra consolidada no tempo e que deu unha resposta axeitada ás esixencias do momento. Hoxe é premiado polo conxunto dunha obra que, desde o local, aspira a dar respostas universais”. Entre as obras máis próximas de Portela figuran a rehabilitación do propio Pazo de Baión e a ponte Azuma, en Xapón.

26 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.