Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Seis municipios da comarca recibirán achegas para mellorar as infraestruturas // As subvencións cubren o setenta por cento do total // O importe global son 2,3 millóns TEXTO Alba Prada

Obstinada loita por levantar as zonas do rural despoboadas

Traballos de saneamento, de mellora de pluviais e do tecido eléctrico ou de arranxo de estradas con ánimo de aumentar a seguridade viaria. Son todos eles servizos básicos, fundamentais, sen os cales non se concibe un día a día cómodo, pero que, lamentablemente, aínda deixan moito que desexar en certas parroquias do rural. Precisamente coa idea de reducir pouco a pouco esos problemas que diferenzan tanto ás aldeas das urbes, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acaba de resolver as axudas para crear ou mellorar infraestruturas municipais nun total de 39 concellos galegos, por un importe global de preto de 2,3 millóns de euros.

Tal e como se publicaba esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta orde de axudas vai dirixida á creación ou mellora de infraestruturas en municipios cunha poboación inferior a 20.000 habitantes. O obxectivo, segundo fixeron saber dende o Goberno galego, é “humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación”.

En todo caso as subvencións cubren o 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido). “As actuacións deberán cumprir coas recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos”, puntualizan dende a Xunta.

Son un total de seis os municipos da comarca que se verán beneficiados desta orde de axudas. Dumbría recibirá a subvención para mellorar as redes de abastecemento e saneamento no núcleo do Ézaro, e Muros poderá humanizar a Rúa Real nunha primeira fase. Ordes, pola súa parte, empregará esta achega na praza do centrosociocomunitario Isabel Zendal, e Porto do Son destinará a súa parte a arranxar o tramo oeste da rúa Santa Irene. Teo, pola súa banda, restaurará os aseos do campo de fútbol de Cacheiras. O municipio de Trazo dotará por fin da rede de augas pluviais o núcleo de O Pomar. A aportación da Xunta é de 47.366,24 euros.

Dende o Goberno galego lembran que nos orzamentos de 2021 teñen reservados máis de 7,4 millóns para actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

A PROTAGONISTA
“Estou moi satisfeita”
Fina Suárez
Alcaldesa de Trazo

“Estou moi satisfeita de recibir esta achega. Dende logo, os veciños sairán beneficiados”, indica a rexedora. Esta axuda solicitouse no 2018 pero “é a primeira que se consegue”. “Dende que estou na alcaldía, tratamos de optar a todas as subvencións posibles. É un gran esforzo presentar os proxectos pero non quero menos para os meus veciños”, indica. As obras van mellorar “as escorrentías, a recollida de pluviais, e as pistas interiores da aldea de O Pomar”.

{ A ollada }
Calidade
de vida
Alba Prada

Resulta incrible pensar que aínda hoxe Galicia esté pragada de parroquias e aldeas que carecen de servizos tan elementais como beirarrúas ou saneamento. Pero é unha realidade. O rural precisa de axudas que logren rebaixar pouco a pouco a profunda brecha que o separa das cidades. Si realmente se pretende repoboar as aldeas e demostralle á xente nova que hai vida máis alá das grandes urbes; é fundamental unha revisión a fondo para dotar dos servizos elementais a todos os pobos. Esta orde de axudas é moi benvida, especialmente nun momento como o que vivimos, no que cada vez son máis os que valoran a tranquilidade do campo. Pero iso si, unha boa conexión a internet tamén é algo que urxe, e moito.

02 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.