Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Obxectivo final: loitar en clave local contra o imparable cambio climático

Vila de Cruces é beneficiario das axudas para crear o Plan contra o quecemento global

Vila de Cruces é un dos concellos beneficiarios este ano das axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para poder redactar os seus propios Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces). En concreto, o municipio contará cunha achega autonómica de 6.000 euros. Segundo explican dende Medio Ambiente un total de dezaseis concellos pontevedreses recibirán preto de 100.000 euros para a posta en marcha desta ferramenta de carácter técnico que ten como obxectivo avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global, sempre en clave local.

Así o subliñou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, que visitou este martes o municipio de Vila de Cruces acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do alcalde, Luis Taboada, para dar a coñecer o resultado na provincia da última convocatoria desta liña de subvencións.

Este é o segundo ano que a Xunta lanza unha orde de axudas dirixida especificamente ás entidades locais adscritas ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía co fin de axudalas na redacción dos seus respectivos Paces. En total, concedéronse 70 subvencións a outros tantos concellos por un importe de 337.000 €, atendéndose así o 100 % das solicitudes recibidas. Estes municipios súmanse aos 176 que están a traballar actualmente na elaboración do seu propio plan de xeito que, a día de hoxe, pode dicirse que preto de duascentas cincuenta entidades locais galegas xa están comprometidas de forma activa na loita contra o quecemento global.

Un Paces consiste basicamente na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Grazas a estas subvencións da Xunta, os municipios poden afrontar o custo dos traballos de asistencia técnica necesarios para a súa elaboración.

PACTO. O Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía púxose en marcha no ano 2008 e na actualidade está considerado o maior movemento de carácter internacional para buscar sinerxías fronte ao cambio climático entre as distintas administracións, cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa cos cidadáns.

No caso de Galicia, a Xunta asumiu xa no 2017 o papel de coordinadora do movemento na Comunidade desde a convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse tamén desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensa global, actúa local”.

Na actualidade xa son 271 os concellos adheridos ao Pacto, o que representa a unha poboación de preto de 2,2 millóns de galegos. En todo caso, a conselleira lembrou que aínda queda marxe de mellora e convidou a sumarse a este reto aos 42 municipios que faltan “para defender entre todos o papel de Galicia como parte da solución”.

18 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.