Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 19 septiembre 2021
23:42
h

Oda ó galego na homenaxe a Ramón Lorenzo en Ames

O acto celebrouse en Bertamiráns e nel foi recoñecida a traxectoria do lingüista amesá// Seu neto mais a súa filla pronunciaron un discurso louvando seu profesionalismo

O acto do Día de Galicia converteuse nun canto á nosa lingua, ao noso idioma e á nosa fala. A homenaxe que se celebrou no Pazo da Peregrina comezou coa música do Grupo Barahunda, que interpretou Alén do meu amigo, unha das cantigas máis recoñecidas da literatura galega. O dúo madrileño puxo coa súa voz e a súa música a nota musical a un acto cheo de galeguidade, unha galeguidade que eles mesmos demostraron co seu amor pola nosa lingua, pola nosa terra e pola nosa cultura.

O xornalista de AmesRadio, Juan Luís Silva, foi o encargado de conducir o acto, achegando aos asistentes o legado de Ramón Lorenzo Vázquez a través dun dos seus propios poemas: “Levade todo, tódalas sensacións e a min deixádeme, deixádeme ollando a miña paisaxe, deixádeme na noite pois quero percurar o que me fuxe.”

Tras isto os grupos políticos que conforman a corporación municipal de Ames tomaron a palabra para para louvar a figura do lingüista e agradecerlle toda unha vida adicada ao noso idioma maila nosa terra. José Ramón Oulego, de Ciudadanos, versionou a Manuel María preguntándose que é ser galego ao que respondeu que para el Galicia é sinónimo de liberdade. Quique Costas, de Ames Novo, tinguiu as súas verbas baixo a Miña matria Galicia, de Celso Emilio Ferreiro. Genma Otero, de Contigo Podemos, agradeceulle a Ramón Lorenzo levar o nome de Ames polo mundo e dar a coñecer a nosa lingua. David Santomil, do BNG, acordouse de Eirapedriña, a vila natal de Lorenzo, e louvou o xeito de vida nos núcleos rurais tradicionais. A voceira do PP de Ames, Oliva Agra, soñou con que dentro de dous mil anos os nosos sucesores sigan presumindo de ser galegos. E para rematar Luísa Feijóo, do PSOE de Ames, elixiu a Rosalía e ao soia vou por leña ó monte, soia a vexo arder no lar para reivindicar que o Día de Galicia debería ser todos os días do ano en non un só.

discurso. Cara o final do acto chegou un dos momentos máis emotivos e máis esperados por todos, xa que Amaia e Fabían, filla e neto do homenaxeado, quixeron adicarlle unhas palabras a Ramón. A primeira destacou o compromiso e a entrega do seu pai pola lingua e pola terra e recalcou como o catedrático foi quen de trasladarlle o seu amor pola lingua. Un amor pola lingua que chegou ao seu neto, Fabián, que residente en Alemaña e con tan só 13 anos fala á perfección o galego. Ademáis, o cativo recoñeceu que lle gustaría pasar máis tempo co seu avó pois a él úneo a súa paixón por pasear polo monte e mailo fútbol.

Para o final do acto quedaba a entrega da medalla do Concello de Ames a Ramón Lorenzo. O alcalde, Blas García, tomou a palabra para seguir rendéndolle homenaxe ao estudoso da lingua galega, “coñecemos que fuches premiado en diferentes ámbitos, máis faltaba o recoñecemento do teu fogar: a medalla do Concello de Ames como mostra de agradecemento polo bo traballo feito e polo que aínda segues a facer”, ao que engadiu, “grazas por ter levado sempre o nome de Ames contigo, dende Castela ate Colonia, porque si de algo sabemos que sentes orgullo é da túa terra”. Cando Lorenzo recolleu a medalla dixo, “lémbrome de cando era pequeno e ía andando dende Eirapedriña ata Bertamiráns ou cando ía a casa do meu tío a Roxos cruzando a fermosa Ponte Cabirta. O catedrático proseguiu, “boto de menos a Galicia da miña infancia e da miña xuventude cando o galego era unha lingua potente e xenerosa, cando percorrías Galicia e a xente falaba galego”. E o homenaxeado sentenciou: “Galicia existe porque existe o galego senón non ten razón de ser, agardo esa revolución para que o galego volva ser a lingua dominante da miña nenez”

28 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.