Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MAR. As rulas comprendidas entre Caión e Rianxo facturaron un 2 % máis en 2021 respecto a 2020 // Mobilizaron máis de 36,6 millóns de quilos de peixe e marisco // A maioría dos portos da franxa costeira melloraron os resultados TEXTO J. Ramos

Oitenta e seis millóns de euros en ingresos nas lonxas de Área

As capturas de peixe e marisco e, sobre todo, as boas cotizacións, permitiron incrementar a facturación anual das lonxas do litoral de Área de Compostela, comprendido entre Caión (A Laracha) e Rianxo. Un aumento que se rexistrou de xeito especial no segundo semestre do ano, o que permitirá pechar o exercicio cuns ingresos totais que rondan os 86 millóns de euros, o que supón un incrementó dun dous por cento con respecto ao ano 2020, segundo os rexistros de Pesca de Galicia.

As rulas desta franxa atlántica mobilizaron en 2021 máis de 36,3 millóns de quilos de peixe e marisco, unha contía sensiblemente inferior á do ano anterior, que se pechou con máis de 43,6 millóns. A maioría dos portos rexistraron, non obstante, un aumento dos seus ingresos polas vendas en lonxa.

Ribeira segue a ser o peirao que acapara o maior volume de capturas (máis de 22,3 millóns de quilos en 2021) e tamén o que máis factura (máis de 37,2 millóns de euros). No segundo lugar sitúase Noia, que este ano mellorou os seus resultados.

Así, á lonxa de Testal chegaron o pasado ano máis de 1,5 millóns de quilos de marisco (ameixa e berberecho) que xeraron uns ingresos superiores aos 13,6 millóns de euros, rexistros que contrastan cos de 2020, que se quedaron en 1,3 millóns de quilos e pouco máis de 11 millóns de euros de facturación.

Cabo de Cruz, Portosín e Muros figuran tamén entre as rulas con maior facturación neste ano, cuns catro millóns de euros de ingresos cada unha. Pola súa banda, Malpica de Bergantiños superou os 3,5 millóns, Camariñas facturou máis de 3,2, Fisterra 3,1 millóns e Aguiño acadou os 3 millóns de euros.

Un dos portos que experimentou un maior incremento, tanto de capturas como de ingresos, foi o de Corcubión, especializado na pesquería do polbo. En 2021 poxaron na súa lonxa máis de 1,1 millóns de quilos do prezado cefalópodo, que xeraron unha facturación de máis de 2,7 millóns de euros, segundo os rexistros de Pesca de Galicia. Unhas cifras notablemente superiores ás rexistradas en 2020, cando apenas mobilizaron 184.000 quilos e os ingresos non acadaron os 900.000 euros.

Uns resultados que deixan unha sensación agridoce nos profesionais do mar, xa que constatan unha alza nas cotizacións tanto do peixe como do marisco, pero seguen a detectar unha importante escaseza de recursos, ao tempo que ven moi limitada a súa capacidade de traballo debido ás restrictivas cotas fixadas para algunhas das especies que xeran maior volume de ingresos.

MAL TEMPO. O ano, nembargantes, rematou dun xeito pouco produtivo para o sector debido aos temporais que están a azotar esta franxa atlántica. Unha situación que lamentaba o patrón maior de Fisterra, Manuel Martínez, sinalando que “o luns tan só saíu un barco ao mar e o martes dous, polo que non tivemos produto na lonxa”. Unha inactividade forzada que chega nun mal momento, “xa que nestas datas antes do fin de ano, os peixes e mariscos son moi demandados e tamén moi ben cotizados”. O mal tempo afectou igualmente aos percebeiros, que non puideron faenar con normalidade nos mellores bancos.

O protagonista
“A escaseza compensouse cos bos prezos”
Manuel Martínez
Patrón maior da confraría de pescadores de Fisterra

O patrón maior da confraría de pescadores de Fisterra, Manuel Martínez, asegura que este foi un ano “aceptable” no que “a escaseza de recursos viuse, en parte, compensada polos bos prezos”. As cotizacións en lonxa dos produtos do mar acadaron uns niveis máis elevados que en anos anteriores, e a iso hai que engadir que “tivemos uns meses, despois da veda, nos que houbo bastante polbo, aínda que xa volve escasear”, engadiu. Afortunadamente, no porto fisterrán “ningún barco tivo que parar por mor da covid”, dixo.

{ Pasaba por aquí }
Valorar a calidade
Manuel Lavandeira

REMATOU O ano é o balance do sector do mar presenta dúas caras diferentes. Un primeiro semestre no que baixaron as capturas e os ingresos, e un segundo que permitiu remontar eses rexistros e situarse en positivo respecto a 2020. Unhas cifras que reflexan unha tendencia á alza das cotizacións, tanto do peixe como do marisco, pero tamén unha persistente merma das capturas debido á escaseza de varias especies. Aínda que os prezos estén a compensar, en parte, esa perda de produto nas lonxas da zona, é preocupante que os mariñeiros cheguen a porto con cada vez menos peixe e marisco. Este é un sector fundamental para as economías das vilas costeiras e, polo tanto, hai que velar polo seu futuro e esperar por tempos mellores.

03 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.