Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Inclusión. Política Social achegou 250.000 euros para mellorar a calidade de vida de vinte e dúas persoas // A entidade recibiu 77.000 € para ampliar as instalacións // Este ano adicaranse 142 millóns para atención á discapacidade TEXTO M. Lavandeira

Oito novas prazas nos centros de día e ocupacional de Íntegro

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou este martes as instalacións da Asociación Íntegro, en Nantón (Cabana de Bergantiños), onde puxo en valor que a Consellería de Política Social financia oito novas prazas nos centros da entidade, catro delas no centro de día e outras catro no ocupacional.

Ademais, explicou que a Xunta de Galicia achega en total preto de 250.000 euros para financiar 22 prazas en ambos servizos. O director xeral sinalou que con estes fondos o Goberno galego “axuda a mellorar a calidade de vida de 22 persoas con discapacidade e as súas familias”.

A maiores, a Asociación Íntegro recibiu unha axuda de 77.000 euros a través da liña do 0,7 % do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para realizar unha ampliación do edificio no que se encontran o centro de día e o ocupacional.

Fernando González, que estivo acompañado polo alcalde de Cabana, José Muíño; o presidente de Íntegro, Adolfo López; e a directora do centro, Noelia Barreira, puido comprobar de primeira man todas as actividades que, dende hai xa trinta anos, vén desenvolvendo a Asociación das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte.

A entidade afronta este ano 2022 con novos retos e ambiciosos proxectos para seguir medrando. Entre eles, o seu presidente, Adolfo López, destaca “o incremento de prazas públicas concertadas, o fogar residencial, a sustentabilidade económica ou a posta en marcha de novas políticas de conservación ambiental, sen descoidar os valores do que marcan o noso traballo diario”.

No 2001 inauguraron as instalacións de Nantón, co obxectivo de seguir medrando e atendendo as necesidades da poboación rural. O concerto de prazas públicas da Consellería de Política Social favoreceu o crecemento e o desenvolvemento do centro. Ademais, a Xunta declarou a Íntegro como entidade de Utilidade Pública en outubro de 2010.

No seu compromiso coa inclusión laboral de persoas con discapacidade, en xullo de 2013 puxeron en marcha o centro especial de emprego de iniciativa social sen ánimo de lucro Máis Porvir Xestión Social, un espazo dedicado á prestación de servizos socio-sanitarios e labores auxiliares para empresas e administracións públicas que na actualidade dá traballo a 42 persoas, das que trinta e oito teñen algún tipo de discapacidade. “Seguiremos sendo unha entidade comprometida coa nosa misión de alcanzar a inclusión das persoas con diversidade funcional e recoñecida na sociedade polos nosos valores, o traballo directo con este colectivo e o compromiso coa inclusión no medio rural”, afirma López Baña.

PIMD rural. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou a principios de mes o centro de Íntegro, onde tamén está operativo un Punto de Intervención á Muller con Diversidade Funcional (PIMD Rural), que na actualidade conta con máis de 40 beneficiarias. Desde a súa posta en marcha, no ano 2016, a Xunta destinou case 118.000 euros co obxectivo de promover medidas específicas de loita contra a discriminación e a desigualdade de oportunidades que sofren as mulleres con discapacidade que residen no medio rural.

O protagonista
“Queremos unha Galicia de oportunidades para todos”
Fernando González
Director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade

Fernando González destacou que a Xunta destinará este ano 142 millóns de euros co obxectivo de “acadar unha Galicia de oportunidades para todos”. Nunha recente xuntanza con representantes da Asociación de Centros de Día de Galicia destacou que o Goberno galego traballa para que as persoas maiores e con discapacidade “conten con todo tipo de servizos para decidir de forma libre como e onde desenvolver o seu proxecto de vida”.

{ Pasaba por aquí }
Avanzar na inclusión
Manuel Lavandeira

A Asociación Íntegro vén de cumprir trinta anos traballando a prol da inclusión das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e, como asegurou o seu presidente no acto conmemorativo, segue e seguirá sendo unha entidade comprometida coa súa misión. Os resultados do seu traballo están á vista e dende a entidade seguen dando forma a novos proxectos e servizos. A plena inclusión é posible pero, para iso, é preciso que toda a sociedade se involucre nese obxectivo. Íntegro marcou o camiño a seguir, e as administracións públicas deben reafirmar o seu apoio a estes colectivos para que poidan dispoñer dos medios humanos e materiais para desenvolver o seu labor. A meta está marcada, hai que seguir avanzando.

16 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.