Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
FESTIVAL. O certame de ámbito estatal organizado dende Boiro recibiu 142 curtas // Os institutos Praia Barraña, A Cachada e Cacheiras, e o CPI de Dodro, entre os gañadores // A cita conta coa complicidade de actores e directores TEXTO Suso Souto

Olloboi: a gran pantalla do talento audiovisual escolar

Hai once anos botaba a andar dende Boiro o festival audiovisual Olloboi (da man da asociación cultural do mesmo nome), un certame dirixido a alumnos e profesores dos centros de toda España, dende Primaria ata Ensino Superior, aínda que os que máis participan son os galegos.

Transcorre nunha plataforma web os cinco primeiros meses do ano e culmina con diversos actos presenciais: proxeccións, unha entrega de premios e un encontro de xoves creadores e creadoras, profesorado e profesionais do sector.

Trátase dun proxecto independente e sen ánimo de lucro que se nutre do traballo e a ilusión dos membros da organización: as boirenses Yaiza Vicente (licenciada en Comunicación Audiovisual) e Sara Hermo (licenciada en Cine); a lucense Ana Moreiras (profesora no IESP A Cachada de Boiro); os ourensáns Lolo Garrido (profesor no CPI de Catoira), Susana Diz (licenciada en Belas Artes) e Petro Álvarez (profesor no CPI Lorenzo Baleirón de Dodro); e o padronés Francisco Javier Paz (técnico de Informática).

Dende a primeira edición foron moitas as personalidades do cine galego que se implicaron de xeito altruísta. Directores, intérpretes e expertos en cine aportan cada ano o seu gran de area dando consellos, difundindo o festival e mesmo colaborando nas actividades didácticas.

A pasada fin de semana celebrouse nunha carpa do parque boirense da Cachada o Olloboi 10+1.

A pesares das limitacións para as clases colaborativas, a comunidade educativa seguiu creando, e este ano presentáronse 142 pezas a concurso, moitas feitas á marxe das aulas, e ademais alcanzouse un máximo na participación universitaria e de ciclos superiores. O xurado estivo formado polo profesor e profesional do audiovisual Manolo González, a profesora Olga Aguiar, os realizadores Andrés Goteira, Suso López, J.M. Tubío, Cris de la Torre, Xaime Miranda e Sabela Blanco e as asociacións Unión de Muchachas e Mestras polo Futuro.

Na categoría de Mellor non ficción, a peza gañadora foi Cando rompe o mar, do IES María Soliño; na de Mellor guión, Vida furtiva, do IES Terra de Trasancos; na de Wabisabi (cine con alma adolescente), As derradeiras, do IES Praia Barraña; na de Videoarte, Background, do IES Cacheiras, e Sombra, de Lucía Ladero, do IES Concepción Arenal; na de Videoclip, Non me vai mal, do CPI Dodro; na de Compromiso, Sálvora, do IESP A Cachada; na de Mellor Peque, Maruxa, do CEIP O Carballal; na de Ficción +18, Rakel, de Aarón Vilariño, da ESCAC; na de Non ficción -18, As ladras, de Dani Vázquez e Ángela Taboada, da Universidade Carlos III; e na de O Zamburrioi (que concede a organización), As novas, do IES Xesús Taboada Chivite.

VIAXE A FUENTE OBEJUNA. Os gañadores recibiron trofeo e diploma, pero os universitarios, a maiores, poderán asistir á roxade do filme Madalenas, e os da categoría Zamburrioi, irán o ano que vén ó festival Foco de Fuente Obejuna. Como novidade, fixéronse dúas mencións: a de Mellor iniciativa educativa externa ás aulas, para o programa Vidas Mariñeiras do GALP; e a de Cine e educación ambiental, para Quen seiturará? da USC; As derradeiras, do IES Praia Barraña; e A lata, do CEIP Virxe do Mar.

E, aínda que a pandemia segue sen acougar, Olloboi resiste e adáptase ás esixencias sanitarias para continuar chegando ás aulas ca promoción da creación cinematográfica. Así, outras das novidades desta edición foi a creación dos Obradoiros en liña, unha oferta pedagóxica gratuíta dispoñible para todos os centros educativos de Galicia. Ata maio impartíronse oito talleres centrados na temática das redes sociais, a través das que consumimos e creamos contidos a diario. Neles participaron seis centros: IESP A Cachada (Boiro); IES Virxe do Mar (Noia); CPI O Progreso (Catoira); IES Eusebio da Guarda (A Coruña); IES Xesús Taboada Chivite (Verín); e IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas).

O obxectivo era aprender a ler a través das imaxes e comprender os fundamentos cinematográficos que subxacen a stories, reels, tiktoks, etc.

O festival Olloboi medra cada vez máis, impulsado pola forza da creatividade que xenera, e xa se consolidou como a gran pantalla do talento audiovisual do alumnado galego.

areadecompostela@elcorreogallego.es

18 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.