Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
APOIOS. Cabana habilitou un centro de recepción para roteiros polo esteiro do río Anllóns // Camariñas creou un miradoiro e Cee remodelou unha área de ocio // Corcubión e Dumbría acometeron melloras de accesibilidade TEXTO M. Lavandeira

Optimización de recursos para o turismo na Costa da Morte

Cinco concellos da Costa da Morte beneficiáronse das axudas dirixidas a municipios de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das súas infraestruturas turísticas. En total recibiron máis de 124.000 euros o ano pasado, segundo sinalou o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante a súa visita a Cabana de Bergantiños, onde, na compaña do alcalde, José Muíño, supervisou este luns as obras levadas a cabo no centro de recepción turística para roteiros no Esteiro do Anllóns, que contou cunha axuda da Administración autonómica de máis de 30.000 euros.

Na primeira parte da actuación levouse a cabo a rehabilitación do ben inmoble que, unha vez acondicionado, servirá como centro de recepción de turistas, contando con oficina, almacén de material, aseos e vestiarios a disposición dos usuarios.

O proxecto tamén contemplou a sinalización dos roteiros BTT, empregando cartelería e sinalización adecuadas ás esixencias da normativa. Con estas actuacións consíguese poñer en valor e aumentar o atractivo turístico da zona, promovendo un tipo de turismo respectuoso co medio ambiente, mediante accións con impactos negativos (ambientais e visuais) mínimos.

O resto de concellos beneficiarios foron os de Camariñas, onde se habilitou un miradoiro no Alto da Vela, para o cal recibiu 25.000 euros; Cee, que investiu unha axuda de 14.610,75 euros na remodelación da área recreativa de Lires e na elaboración da memoria técnica para o subministro de cubrecontedores; Corcubión, que mellorou a accesibilidade e embeleceu a rúa Pepe Miñones e a súa contorna, cunha subvención de 25.199,17 euros; e Dumbría, que recibiu 30.000 euros para renovar mobiliario no núcleo de Olveira e mellorar a accesibilidade na pasarela da Fervenza do Ézaro.

O Goberno galego aposta con estas subvencións polo fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos destes municipios, co obxectivo de consolidar a oferta turística destas zonas a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

A Xunta conta na convocatoria deste ano cun millón de euros para levar a cabo as actuacións de embelecemento e posta en valor dos recursos turísticos cun importe máximo por solicitude de 30.000 euros.

Entre as actuacións subvencionables inclúense traballos de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos con proxectos relacionados coa recuperación e o tratamento paisaxístico da contorna; a súa iluminación ornamental; a recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou roteiros, así como a adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes.

A orde tamén abarca a financiación do embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado a través de mellora de vías, o ocultamento de contedores ou a eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións.

Ademais, serán subvencionables a rehabilitación ou restauración de recursos para usos turísticos distintos do aloxamento e a recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional.

O Protagonista
“Seguiremos apoiando a reactivación”
Gonzalo Trenor
Delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña

O delegado de Xunta asegura que a orde de axudas forma parte do Plan Camiña, co que o Goberno galego continuará a apoiar a reactivación do turismo aproveitando o Ano Santo dobre. A Xunta manterá ademais o seu compromiso coas empresas turísticas para que melloren os seus establecementos e incrementen a súa calidade e a formación do seu persoal. O referido plan tamén inclúe medidas coas que fomentar o turismo familiar e destinadas ás universidades galegas e ás entidades sen ánimo de lucro.

{ PASABA POR AQUÍ }
Manter e diversificar
Manuel Lavandeira

A COSTA DA MORTE estase a consolidar como un xeodestino turístico de referencia, e como tal debe velar pola optimización, diversificación e posta en valor dos seus recursos e infraestruturas. Un labor para o que os concellos precisan do apoio das administracións superiores e, por iso, sempre son ben recibidas as axudas tanto da Xunta como da Deputación. A oferta turística ten que ser dinámica, ao igual que o é a demanda, e por iso, ademais de manter as infraestruturas e recursos xa dispoñibles en óptimas condicións, hai que dar resposta ás necesidades dos viaxeiros actuais. Nese senso, a mellora da accesibilidade aos diferentes espazos é fundamental, ao igual que un bo servizo de información aos visitantes.

08 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.