Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Veciños e veciñas amosan con imaxes as bondades e valores da aldea // Rexeitan os prexuízos da Galicia profunda e dan vida á campaña titulada Ruralísimo

Orgullo de vivir no rural muxián

Reivindicar e dar voz ao rural é o obxectivo da campaña Ruralísimo impulsada polo Concello de Muxía, que naceu para rexeitar os prexuízos da chamada Galicia profunda, dos que botou man unha xuíza de Marbella para xustificar nun auto a retirada da custodia dun fillo a unha nai que reside en Muros.

A resposta dos veciños e veciñas xa se pode ver no Facebook do Concello muxián, a través de máis de medio cento de fotografías que amosan o seu orgullo por vivir no rural, e resaltan as bondades e tamén os valores naturais, patrimoniais e sociais do citado municipio.

Paseos polos camiños acompañados de mascotas, gando pastando tranquilamente nos verdes campos, paraxes naturais, praias, sendas fluviais e costeiras, espazos singulares como o santuario da Barca e o seu entorno pétreo, produtos gastronómicos moi prezados como o congro ou os percebes, uns baños nas caldeiras do Castro ou almorzos á sombra das árbores enchen de vida as imaxes coas que a veciñanza de Muxía quere demostrar ao resto do mundo que as súas aldeas son uns espazos moi agradecidos e nos que se pode vivir feliz como noutros moitos puntos da Galicia profunda.

O alcalde, Iago Toba, asegura que “as persoas que tivemos a sorte de nacer no rural somos conscientes e valoramos moito o que temos, a nosa esencia”. Sinala que decidiron impulsar esta campaña para “alzar a voz contra o que cremos que non é xusto”, e considera “unha verdadeira mágoa que haxa persoas que queiran tirar por baixo e desprestixiar o que somos, xente de a pé, con valores e tremendamente felices de nacer e de vivir onde o facemos”.

Uns sentimentos que a veciñanza corroborou sumándose á iniciativa e aportando unhas fotografías coas que pretenden demostrar tamén o descoñecemento que moitos teñen do que é o medio rural galego, e como se vive nestas vilas e aldeas desta franxa atlántica.

04 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.