Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ortoño recuperará a súa tradicional Festa do chourizo ao viño

É mañá domingo // Luar na Lubre vai ser o encargado de pechar a romaría na Carballeira

Tras unha paréntese de tres anos obrigada pola situación sanitaria, a parroquia de Ortoño recupera a súa tradicional Festa do chourizo ao viño. Será este domingo, día 10, cando a veciñanza vai poder desfrutar de novo deste tradicional festexo que vai xa pola súa décimo sexta edición.

A xornada, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño, conta co apoio do Concello de Ames a través da concellaría de Cultura, que achegará a Ortoño ao grupo folk Luar na Lubre co seu programa Música nas parroquias, que inclúe ata vinte actuacións de agrupacións tradicionais e grupos musicais, como Devacas ou Os d’Abaixo.

O día de festa desenvolverase na Carballeira de San Xoán e arrancará ás 12.15 horas cunha misa cantada. Unha vez rematada, a partir das 13.00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño e da orella de porco. As persoas que conforman a asociación organizadora serán os encargados de preparar arredor dunhas 500 racións de orella e outras 1.000 de chourizo, que se poderán comer nunhas mesas resgardadas por unha carpa.

Haberá varias opcións para degustar os diferentes pratos. A tarteira de barro con chourizos ao viño, cachelos, pan, viño, xeado e café custará 12 euros. Ademais, as persoas que queiran repetir poderano facer pagando 5 euros máis. Por outra banda, unha ración de orella con pan e viño custará 6 euros. Este xantar estará amenizado pola agrupación de música e baile tradicional Os Retranqueiros e polo dúo Eva e Camilo, que acompañarán aos asistentes na sobremesa e ao longo da tarde. Xa a partir das 16.30 horas, desenvolverase o XV Campionato de chave por parellas, no que as persoas que desexen participar se poderán inscribir o propio día ata as 16.00 horas. As persoas gañadoras recibirán uns trofeos doados polo Concello de Ames e outras sorpresas. Ademais, para entreter á cativada, instalaranse inchables gratuítos, cedidos á organización por Tiko Doco.

Por último, e para rematar a romaría, o grupo galego de música folk Luar na Lubre actuará na propia Carballeira de San Xoán, ás 20.00 horas, como parte do programa Música nas parroquias da concellería de Cultura.

Trátase dunha das formacións de maior popularidade da escena musical galega, con arredor de 2000 concertos realizados en máis de 35 países dende a súa fundación no ano 1985.

Luar na Lubre baseouse dende sempre nas músicas de raíz galega polo que lle dedicaron especial atención ao estudo dos diferentes cancioneiros galegos tanto da tradición como da lírica medieval. Así os traballos de campo e recolleita proporcionáronlles un valioso fondo documental e coñecemento da realidade musical galega.

09 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.