Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os arzuáns fórmanse en Criminoloxía e analizan a conduta dun delincuente

No marco de Camiños do Coñecemento e Experiencia da USC tamén estudarán matemáticas e a simboloxía das cores

Chega ao concello de Arzúa a quinta edición do programa Camiños do Coñecemento e Experiencia; unha iniciativa que verá a luz un ano máis grazas ao traballo da área de Cultura e Educación que dirixe Aurora Varela, en colaboración co IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela. De momento, segundo indican fontes municipais a este xornal, “hai anotadas unha vintena de persoas, pero hai aforo suficiente para 25 ou trinta”.

Este proxecto de democratización do coñecemento vai dirixido a maiores de 50 anos empadroados no municipio. Con todo, segundo aclaran dende o goberno local, “non hai problema se desexa apuntarse unha persoa de 40 anos ou alguén que reside en Arzúa e non está empadroado”. Todos os interesados en sumarse á iniciativa poden chamar ao longo desta semana ao 981 500000.

As xornadas contan con parte teórica e práctica e desenvolveranse ao longo de seis xornadas, os días 18,19, 20, 21, 24 e 25 de maio. Os obradoiros e seminarios que forman parte deste proxecto formativo impartiranse na Capela da Madanela e abordarán tres ámbitos: as matemáticas, unha introdución á Criminoloxía e á Política Criminal e un terceiro sobre a simboloxía das cores.

O primeiro (días 18 e 19) centrarase na interpretación dun feito delituoso. Entre outros aspectos, abarcará a investigación policial, o estudo do comportamento da persoa delincuente, o proceso de vitimización e desvitimización. Falarase da contribución das persoas na prevención de delitos e, consecuentemente, de cal é a súa aportación á hora de garantir a seguridade cidadá. Na parte práctica deste seminario realizaranse varias actividades interactivas que consistirán na resolución de casos prácticos e na análise de pegadas dactilares. Será impartido pola docente Ana Moure Soengas, graduada en Criminoloxía e Política, e investigadora da USC.

O seguinte seminario (días 20 e 21) correrá a cargo de María Victoria Otero Espinar, profesora titular e investigadora da Facultade de Matemáticas da USC, e Gallega del Año. Versará sobre a influencia das mesmas na vida cotiá: como xestionar as esperas, algunhas ideas de teorías de colas; a razón de ter unha letra no DNI, ou de que os avións non viaxen en liña recta. A parte práctica desenvolverase coa realización de obradoiros ou mesmo percorridos didácticos de contido matemático. O último seminario (días 24 e 25) está adicado á simboloxía das cores. Segundo apuntan dende o Concello “centrarase en descubrir a relación entre sentimento e cor; coñecer o significado das mesmas e valorar as que configuran a nosa contorna”.

Constará, ademais, dunha sesión práctica cunha pequena excursión para ver os arredores. A docente encargada de explicar a relación que teñen as cores cos sentimentos e axudar a comprender a razón dese significado será Nerea Varela Castro, colaboradora do Programa Universitario para Maiores daUSC.

Aurora Varela convida á veciñanza a desfrutar deste programa que permite “revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio” e recoñecer a importancia “das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias”. Asemade “constitúe unha alternativa para concienciar, ensinar e aprender a presenza da ciencia no día a día”.

12 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
USC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.