Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 25 junio 2022
21:20
h

Os axentes políticos e sociais, en defensa do secado de congro

Concello e propietarios deseñan unha estratexia conxunta // O BNG pide adaptar as normativas

Representantes políticos, empresariais, culturais e sociais suman esforzos para salvar os tradicionais secadoiros de congro de Muxía.

O Concello e os propietarios buscan formar unha fronte común para defender “un emblema cultural e patrimonial da costa”. O alcalde, Iago Toba, acompañado da artista muxiá e impulsora da campaña Eu apoio os secadoiros de congro de Muxía, Viki Rivadulla, mantivo unha xuntanza cos emprendedores e titulares dos dous únicos secadoiros de congro que existen no mundo, Miguel Diz, Carla Castro e Javier Lema.

“O obxectivo é buscar liñas comúns de traballo e coordinación para formar unha estratexia de traballo definida”, afirmou Toba. Neste sentido, “a sabedoría e información dos responsables destes recintos, que son emprendedores mozos, será clave”.

Queren conseguir un tratamento que recoñeza os secadoiros como un método particular e tradicional, diferenciado das grandes industrias, así como poder combinar produción con explotación turística, ademais da promoción conxunta entre empresas e Concello destas singulares instalacións.

Estes secadoiros contan con importantes apoios de persoeiros do mundo da cultura, da gastronomía, da empresa e da propia veciñanza.

Pola súa banda, o BNG vén de presentar varias iniciativas no Parlamento para demandar da Xunta “as medidas que sexan necesarias para garantir a supervivencia dun oficio inmemorial” e que brinde asesoramento aos propietarios “para garantir que poderán seguir desempeñando no inmediato o seu oficio, de xeito integramente artesanal, se así o desexan”.

Para iso, os nacionalistas reclaman das administracións que corresponda as modificacións ou adaptacións normativas necesarias.

02 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.