Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MÚSICA. A banda da Pobra retoma os concertos para presentar o seu primeiro LP // Xa estrearon na súa canle de YouTube o videoclip de ‘Dime, dime, amor’, editado por eles mesmos, como manda a tradición do estilo ó que renden culto // Iniciarán a xira no Carballiño, e actuarán en Melide en marzo TEXTO S. Souto

Os Bar Ban Sónicos exportan garaxe punk

Amroth Lopes estuda para obter un certificado de profesionalidade; Manuel Casal traballa en funcións organizativas no activismo social; e Abel Cores traballa nunha conserveira. Os tres son da Pobra e, ademais dunha sólida amizade, úneos un estilo: o garaxe punk, que ten como consignas a música rápida, as guitarras chirriantes e afiadas, as letras raspantes e a autoedición dos discos.

E foi nun garaxe da Pobra onde crearon a principios de 2018 a banda Os Bar Ban Sónicos. Dende aquela, só a pandemia conseguiu ralentizar a súa traxectoria, que agora retoman con forza cunha xira para dar a coñecer o seu primeiro LP.

O grupo acaba de lanzar na súa canle de YouTube (na que ten 339 suscritores, que se suman ós 1.369 seguidores de Facebook, ós 487 de Instagram e ós 165 de Twitter) o videoclip da súa canción Dime, dime, amor, que forma parte do seu recentemente publicado primeiro LP: Quimicamente impuro. Este videoclip é o primeiro realizado despois do lanzamento do seu primeiro álbum e foi realizado, na mellor tradición punk rock, por eles mesmos.

Nos seus inicios, Manuel (voz e guitarra), Amroth (baixo e coros) e Abel (batería) tiñan un repertorio formado por clásicos do garaxe dos anos 60 e do punk rock. Concertos enérxicos e contundentes con poucas concesións ao virtuosismo. Aos poucos, foron compoñendo cancións propias nas que mesturaban esas dúas escenas musicais irmás.

Ao mesmo tempo, adaptaron ao galego algúns dos temas clásicos que formaban parte do seu primeiro repertorio. Despois de actuar en festivais e locais da comarca do Barbanza e asentar un repertorio xa suficientemente amplo, en agosto de 2019 pasaron polos estudos ALU de Rianxo para gravar catro temas propios na que foi a súa primeira maqueta, e pecharon diversos concertos para outubro, novembro e decembro de 2019 e xaneiro de 2020, nunha xira de presentación.

En febreiro de 2020 desprazáronse a Seixas, en Caminha (Portugal) ao Herztcontrol Studio para empezar a gravar os temas que darían forma ao seu primeiro álbum, coa idea de sacar un EP de adianto en abril e o LP completo en setembro.

Pero a pandemia modificou estes plans e obrigounos a anular todas as actuacións previstas para o verán e a participación xa pechada en diversos festivais. Nesa nova situación, lanzaron o EP (Alimentando o nervio) como adianto en outubro de 2020 e deixaron a publicación do LP á espera de mellor ocasión.

Finalmente, a finais do ano pasado volveron ao Herztcontrol Studio para gravar o seu primeiro álbum: Quimicamente impuro, formado por 14 temas que van do punk rock ao garaxe, pasados polo seu filtro e cheos de guitarras distorsionadas, voces rabiosas, unha base rítmica poderosa e letras introspectivas.

E vano presentar, por fin, nunha xira por toda Galicia para a que xa teñen pechadas máis dunha ducia de concertos para estes primeiros meses do ano. O vindeiro sábado 12 actuarán na sala Sete Flores do Carballiño. Seguirán o 19 no local O Pichel de Santiago; o 12 de marzo no pub Gatos de Melide; e o 25 no pub Transylvania de Vigo. De momento.

04 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.