Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Teatro das Maniotas do IES de Brión foi vencedor no concurso de Coca-Cola //
‘O banco’ é o novo traballo deste grupo escolar e conta con guión propio e un maior número de actores // Non saben si se presentarán o próximo ano TEXTO Alba Prada

Os gañadores dos Premios Buero representan xa unha nova obra

Esta semana o IES de Brión era noticia e foi así nin máis nin menos que grazas ao Grupo de Teatro das Maniotas, unha agrupación escolar que dirixen Ari Álvarez e Loly Santos. Pois ben, o grupo teatral vén de alzarse nin máis nin menos que co premio nacional, na categoría escolar, durante a décimo novena edición dos Premios Buero de Teatro Joven de Coca-Cola. Un galardón que lles foi concedido tras representar a súa obra en galego As do peixe nunha gala celebrada no Teatro Valle Inclán de Madrid.

A interpretación desta obra, escrita por Cándido Pazó, correu a cargo de catro rapazas do IES de Brión: Maruxa Garaboa, Gaila Álvarez, Antela Casas e Lorena Diéguez. A parte técnica, é dicir, o son e a luz, foi traballo doutras dúas alumnas: Noa Sixto e Violeta Fornés. O duro traballo destas seis rapazas, sumado ao das directoras, deu como froito a máis doce das vitorias. “Nunca esperas gañar. O certo é que traballamos moito, pero tamén sabíamos que había moito nivel”, explicou unha das directoras do grupo teatral, Loly Santos. E é que ensaian todos os sábados dende as 9.00 ata as 12.00 horas. “Temos moito adestramento físico, posto que as nosas obras albergan moitas partes musicais”, indicou Loly, que é tamén profesora de música no IES de Brión.

A idea de darlle vida a obra de Cándido Pazó naceu en plena pandemia, polo que foron bastantes as baixas e os adestramentos que tiveron que suspender por culpa da Covid. De feito, os guións adoitan ser propios, pero desta vez tiveron que facer unha excepción. “Eran 20 nenos actuando e quedaron sete, e finalmente catro”, conta Loly. A pesar das trabas a obra foi representada dúas veces no Teatro Principal de Santiago, en Brión, en Rois e Noia ata chegar a Madrid, no marco dos Premios Buero de Teatro Joven e recibir o merecido galardón. Con todo, a vitoria non logrou que se relaxen e xa teñen en marcha unha nova obra, que aínda non saben se presentarán ou non o próximo ano ao concurso de Coca-Cola.

O banco é o nome do novo traballo que conta xa con guión propio e que é moito máis musical que As do peixe e posúe maior participación: 15 actores e un técnico. A obra xa foi presentada ao público, posto que actuaron en Brión, Santiago, Rois e Portugal. E preguntaranse os lectores si os rapaces que forman parte de Teatro das Maniotas teñen que pasar algunha proba digna dos máis recoñecidos actores... pois a resposta é que non. Tal e como comentou Loly Santos “todos os nenos e nenas que desexen participar son benvidos”. E é que a agrupación acolle cos brazos abertos a todos os alumnos e alumnas que queiran aprender a expresarse e desexen formar parte deste proxecto artístico cargado de gañas e, iso si, tamén de duro traballo... porque xa se sabe que sen iso nunca hai resultados.

PREMIO. Os premios Buero de Tetro Joven naceron en 2003 da man da Fundación Coca-Cola coa firme idea de que o teatro é unha ferramenta educativa e de transformación única. Trátase dun concurso nacional no que cada ano participan máis de 350 grupos de teatro e preto de 7.000 mozos de entre 14 e 21 anos de todo o país. A obra pode ser da temática, xénero e forma desexada e interpretarse en calquera das linguas oficiais do estado.

08 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.