Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os gurús das IXP de Galicia brindaron no Pazo Goiáns

Os viñedos das catro adegas de Barbanza e Iria abarcan 5,6 ha e producen 48.000 botellas ao ano dunha quincena de caldos

Despois das xornadas divulgativas celebradas en Valga e Rianxo, este sábado tivo lugar no Pazo de Goiáns (Boiro) un Túnel do Viño das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia, que nesta ocasión tiveron como protagonistas os caldos das catro adegas de Terra de Barbanza e Iria. Ao longo do día celebráronse un acto institucional de apoio aos viños das IXP e catas comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, para profesionais e público xeral, nas que estiveron representadas 15 adegas de Galicia e nas que participaron un cento de persoas.

No acto leuse unha declaración institucional, a través da que se busca o compromiso das entidades locais cos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas para a promoción dos seus viños, o fomento do seu consumo e o reforzo do sector vitícola no territorio. Participaron representantes dos concellos de Boiro, Rianxo, A Pobra, Dodro, Valga, Pontecesures, Catoira, Portas, Ribadumia e Ribeira, entre outros.

A zona baixa do litoral norte da ría de Arousa mais o leito inferior e desembocadura do río Ulla configuran a comarca costeira onde case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo de viñedos da IXP Terra de Barbanza e Iria está por debaixo dos 150 metros sobre o nivel do mar, con suaves pendentes de orientación sur, protexidas pola serra do Barbanza, que achegan condicións idóneas para obter viños equilibrados e harmoniosos, con excelentes expresións aromáticas e características de conservación.

Para o branco: Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira (Loureiro Branco ou Marqués), Treixadura, Branco lexítimo (Albarín Blanco), Agudelo (Chenin Blanc) e Torrontés. Para o tinto: Brancellao, Caíño Tinto, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía, Sousón e Merenzao. Son viños que manteñen como atributo fundamental o seu carácter lixeiro, limpo, brillante e suave no seu aroma e sabor, mantendo unha graduación alcohólica moderada, con aromas florais e afroitados; en boca son suaves, frescos, saborosos e equilibrados, con lixeiros toques de acidez. Os viños brancos presentan tons amarelos dourado brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final. Os viños tintos presentan unha capa media con tons vermellos picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave con aromas de froitas vermellas e silvestres cun toque final lixeiramente tánico.

Os viñedos das 4 adegas desta IXP abarcan 5,6 ha, comercializan 15 viños e producen ó ano 48.000 botellas.

A adega Antonio Saborido, de Cabo de Cruz (Boiro), creouse en 2007. As súas viñas abarcan unha hectárea e media e produce 7.000 botellas ó ano. Ten os seus principais mercados en Galicia, Barcelona e Logroño e comercializa os caldos Fasquía, Miúdo, Orballo, Raposo Xirpín, Xirpín e Xirpín Albariño.

De ser unha adega tradicional ata 2007, na que se vendía a produción caseira de viño como en moitas das casas veciñas, experimenta a partir deste ano unha profunda transformación para modernizar e profesionalizar a produción vinícola, mantendo a esencia tradicional.

A adega Entre os Ríos, da Pobra, que rexenta Paco Crusat, ten 2,5 hectáreas de viñas, e vén de adquirir outras 4,5, que empezarán a producir en cinco años. O seu mercado exténdese nun 50 % por Galicia e noutro 50 % por Xapón, EEUU, Inglaterra, Irlanda e Suecia. Produce 28.000 botellas ó ano de Altares de Posmarcos, Komokabras Barrica, Komokabras Lias, Komokabras Tinallas, Pintadoiro e Saras. A filosofía de Entre Os Ríos é a do máximo respecto pola paisaxe e a natureza, evitando o uso de tratamentos innecesarios (herbicidas, insecticidas e fermentos industriais), buscando que cada anada reflicta as súas propias características.

A adega Torres Augusti de Valga, que rexenta Manuel Bandín, conta cunha hectárea e produce 9.000 botellas ó ano, que vende sobre todo en Galicia, Asturias, Menorca, Ibiza, Marbella e Valencia. Está abrindo mercado tamén en Francia e Alemaña.

E a adega Cazapitas de Rianxo, que rexentan Manuel Calzado, David Rial e Juan Chamorro, ten unha hectárea de viñedos e produce unhas 4.000 botellas por ano.

Etiquetas dedicadas á Pedra das Cabras, ás Torres do Oeste, á aldea de Xirpín e a un raposo ‘cazapitas’

Ribeira. Documentos eclesiásticos do século XVII, cando as terras da IXP pertencían ao arciprestado de Iria, sinalan que “todo alcanza muy buena tierra de pan trigo, mijo, centeno y viñas en que se recoge razonable vino”. Atópanse referencias en diferentes fontes históricas ata o século XIX, cando xa Rosalía fala en Follas Novas das “albariñas uvas” no seu poema ¡Terra a nosa!: “¡Ouh miña parra de albariñas uvas,/ que a túa sombra me das! [...]/ ¡Xa non vos deixo, que as angustias negras/ lonxe de min se irán!”.

O patrimonio cultural da zona está moi pegado ós viños de Terra de Barbanza e Iria. Tanto, que algúns dos seus referentes locen nas súas etiquetas. É o caso do petróglifo ribeirense da Pedra das Cabras, datado na Idade do Cobre, entre o 2200 e o 1800 a.C. Atópase nunha gran rocha de granito de forma ovalada na que destacan dúas figuras zoomorfas de seis patas (para representar o seu movemento), posiblemente cérvidos. As súas siluetas ilustran tres dos caldos da adega Entre Os Ríos: os Komokabras Barrica, Lías e Tinallas.

As Torres do Oeste de Catoira son o emblema do viño Castellum Augusti da adega Torres Augusti de Valga. “Quixemos poñerlle Torres Augusti, pero non nos deixaron as Bodegas Torres”, di o adegueiro Manuel Bandín.

E dous raposos ilustran as etiquetas doutros dous caldos da citada IXP. Nun caso, para darlle nome: o Raposo Xirpín da adega Antonio Saborido, que alude ademais a unha aldea de Boiro. Noutro, dando nome á adega e ó único viño que produce baixo tal indicación xeográfica: Cazapitas.

Selos con raíz na terra na que brotan os viñedos que a internacionalizan. suso souto

29 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.