Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 28 junio 2022
15:06
h

Os mellores ‘tiktokeiros’ de Vigo, Fisterra, Santiago ou A Maía levaron galardóns

As locais Viñas, Arias e Muíño lograron o premio na categoría de 13 a 16 anos por desempate // Na de máis de 17 gañou Villaverde

A cantante Fátima Pego envorcou toda a súa enerxía na presentación dunha gala Galetiktokers que desvelou os premiados 2021, procedentes de Ames, pero tamén de Fisterra, Santiago ou Vigo.

E fíxoo nunha festa que contou co humor de dous dos membros do xurado: Gabi G e Leti da Taberna. A tamén xurado, Lucía Rodríguez, subiu ao escenario para sinalar “a dificultade de elixir aos gañadores dada a calidade dos traballos presentados”. Respecto dos resultados, con 150 € por categoría, na de 13 a 16 anos obtivo o premio do público Redescubre a música galega, unha gravación presentada polas amesás Lorena Viñas Lafuente, Emma Arias Blanco e Zulfa Muíño Vilela. O premio do xurado foi para Minuto Breogán dos vigueses Ismael Barreiro e Jerome Alonso. Cómpre salientar que nas votacións de Instagram ambos os dous traballos obtiveron os mesmos likes, 345, e que a organización do certame tivo que abrir un novo prazo de votacións para poder acadar o desempate.

Na categoría de máis de 17 anos, o público outorgou o premio a E inglés, si? da compostelá Antía Villaverde. Pola súa banda, o xurado concedeu o premio á peza A xente e os seus vicios da fisterrá Alba Castro.

A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, gabou a esencia do certame de “ir cos tempos levando a nosa lingua ás redes” e agradeceu a todas as persoas que traballaron a prol do certame desde as técnicas de Normalización e Mocidade, ás persoas que interviron na gala e a todas as persoas que participaron cos seus traballos”.

Do mesmo xeito, o alcalde de Ames, Blas García, declarouse “defensor e usuario das redes sociais desde o seu inicio” e manifestou a “gran utilidade que teñen tamén para espallar o uso do galego”. García felicitou a todos os participantes no concurso e gabou a “aposta que o Concello fai a través deste e outros concursos por promover o uso do galego e recoller as inquedanzas da mocidade”. Ademais insistiu en que “o galego hai que falalo todos os días e as administracións temos a obriga de poñelo en valor”. O alcalde aproveitou a circunstancia para anunciar que na vindeira semana abriría unha nova canle de conexión coa veciñanza a través das plataformas de streaming Twitch e Facebook Live.

Nesta edición presentáronse 22 propostas que enviaron 32 candidatos. A temática das pezas é variada, aínda que a lingua e a cultura galega destacan como foco principal dos tiktoks das participantes.

18 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.