Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Os mineiros de Touro dan apoio a formación no sector

A asociación vén de asinar un convenio de colaboración con Arigal // Esta entidade promove a posta en marcha dun ciclo de formación profesional de escavacións e sondaxes

A Asociación Traballadores Mineiros de Touro e O Pino vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Áridos (Arigal) co obxectivo de integrarse na plataforma que promove a implantación dun ciclo de formación profesional de escavacións e sondaxes. “Contamos co firme apoio de Arigal e agora sumámonos ás empresas que están asociadas con ánimo de levar a cabo xuntos proxectos de futuro”, sinala a vicepresidenta da asociación de mineiros, Dania Pensado. “Temos todas as esperanzas postas en que o proxecto mineiro saia adiante e cremos que nun futuro próximo poderemos pór en marcha iniciativas con Arigal”, engade.

Dende a entidade deixan claro que o seu obxectivo non é outro que “promover a industria na súa comarca, na que a minería ten unha fundada base territorial, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social sostible, defendendo o traballo no sector mineiro e primando a sostibilidade e a compatibilidade sociolóxica e medioambiental da minería con outros sectores primarios da economía da zona e de Galicia no seu conxunto, baixo un marco nacional e internacional”.

Ante o declive demográfico do rural galego ambas entidades avogan pola necesidade de promover un desenvolvemento económico, baseado na explotación de todos os recursos naturais agrícolas, gandeiros, forestais e do subsolo e complementado pola creación de industrias.

É por iso que ambas consideran clave a formación profesional dos traballadores do sector. De feito, Arigal está a promover actualmente a implantación en Galicia do ciclo de escavacións e sondaxes en réxime de formación profesional dual.

O director do colectivo, Carlos Martínez, explicou a este xornal que coñecen ben a súa poboación activa: “detectamos unha alta porcentaxe de traballadores no sector que se xubilarán pronto”. É por isto que dende 2016 están a loitar para que se realice o ciclo antes mencionado na nosa Comunidade. “É fundamental a formación, tanto por seguridade como pola produtividade”, explica.

Tal e como sinalan no dossier que lle enviaron a propósito disto á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, estiman que en Galicia é necesario substituír cada ano arredor de 300 operarios de maquinaria móbil. Por todo isto seguen á espera de que a Consellería asigne un centro para incorporar o proxecto “ás mellores e máis próximas empresas, e que sexa o máis pronto posible”, indica Carlos Martínez.

08 jun 2021 / 17:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.