Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Ames é un dos Concellos que colaboran co programa Vacacións en Paz e este ano participan catro familias que acollen a cinco rapaces // A iniciativa volve despois de dúas tempadas de parón debido á crise sanitaria // Pasarán o verán moi lonxe das altas temperaturas do Sáhara TEXTO Claudina Estévez

Os nenos saharauís xa están aquí

A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí consegue que cada ano unha morea de nenos e nenas saharauís pasen un verán moi especial compartindo fogar con familias de toda Galicia. Esta iniciativa leva por nome Vacacións en Paz e Ames é un dos Concellos que colabora co programa. Nesta edición son catro as familias amesás que acolleron a cinco nenas e nenos.

Chegan ademais con máis gañas ca nunca posto que xa van dous anos nos que o programa Vacacións en Paz estivo parado por mor da pandemia da covid. Esta iniciativa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos rapaces e rapazas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes nenas/os, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa a súa formación.

O goberno municipal asinou de novo este ano un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal durante os meses de verán estes mozos pasarán as súas vacacións en Ames.

O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos rapaces e rapazas na vila. A administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada un. A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou a boa resposta das familias amesás despois de dous anos nos que non se puido realizar o programa por mor da pandemia. “Volvemos ás cifras de acollemento de antes da pandemia con catro familias que participan no programa acollendo a 5 nenos e nenas. A colaboración destas catro familias permite que estes nenos e nenas pasen dous meses en Ames e poidan realizar as correspondentes revisións médicas e tamén poidan gozar do verán lonxe das altas temperaturas do Sáhara. Como soe ser habitual no mes de agosto recibirase na Casa do Concello ás familias acolledoras e aos nenos e nenas saharauís”, avanzou a edil.

VACACIÓNS EN PAZ. Este programa consiste na acollida de nenos e nenas saharauís entre 10 e 12 anos durante os meses de verán. A estancia é en réxime de acollida temporal responsabilizándose estas do aloxamento, a manutención e parte da educación dos nenos.

Os cativos viven en campamentos de refuxiados nas proximidades da cidade arxelina de Tindouf, nunha das zonas máis inhóspitas do deserto do Sáhara. Dende o inicio do conflicto armado saharaui-marroquí, concrétase a posta en marcha durante os meses estivais dunhas colonias infantís na costa de Arxelia co fin de que a cativada saharauí no exilio poida distanciarse temporalmente da realidade dos campamentos de refuxiados, das carencias (alimenticias, educativas, sanitarias) que soportan e sofren e das altas temperaturas que no verán chegan ata 55 ou 60ºC.

Este programa solidario arrancaba no verán de 1976 na costa de Arxelia e exténdese a España en 1979 (chegan cen cativos), país no que está moi arraigado.

27 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.