Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
SÍMBOLOS. Da parroquia de San Cosme de Outeiro saíron, co mesmo nome, o tradicional sombreiro de palla e unha singular embarcación xa desaparecida // Gerardo Triñanes presentou un libro sobre este tipo de naves e traballa co colectivo Agalcari para documentar o seu proceso de construción TEXTO S. Souto

Os outros sancosmeiros de Outes

O primeiro que se lle vén a un á cabeza cando escoita falar dun sancosmeiro (e nunca mellor dito) é un fermoso e tradicional tipo de sombreiro artesán de palla oriundo dun lugar moi concreto: a parroquia de San Cosme de Outeiro, en Outes. De aí o seu nome, por certo. Pero, nese recuncho da ría de Muros-Noia considerado o santuario da construción naval en madeira (chegou a haber alí 36 carpinterías de ribeira) bautizouse co mesmo nome un tipo de embarcación, lamentablemente xa desaparecida. Dous símbolos co selo da mesma localidade.

O sombreiro sancosmeiro aínda ten na actualidade unha recoñecida fama como produto artesanal e goza de recoñecemento. Mais non ocorre o mesmo co barco. Para polo en valor como parte do noso glorioso patrimonio e, sobre todo, para intentar recuperalo, Gerardo Triñanes (propietario do estaleiro Triñanes de Boiro e membro da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira) vén de presentar alí, en Outes, o libro adicado a esa embarcación que, a pesar de ter unhas características moi específicas para dar resposta ás necesidades das xentes da zona na súa época, non está recoñecida como de tipoloxía propia entre as rexistradas en Galicia.

Para tratar de paliar esta eiva, Triñanes e a citada asociación están actualmente inmersos nun proxecto que tratará de documentar todo o proceso construtivo deste barco, dende a súa concepción, para posteriormente elaborar un novo libro que recolla todas as fases do mesmo.

Con este traballo preténdese, por un lado, recoller e plasmar por escrito as técnicas usadas polos carpinteiros de ribeira e, por outro, acadar para os sancosmeiros o recoñecemento como embarcación de tipoloxía única da zona. O máis característico era a súa forma, moi ancha para unha maior capacidade.

A súa manga era practicamente a metade da súa lonxitude (tiña oito ou nove metros de eslora).

“O sancosmeiro nace alá entre a primeira e a segunda década do século vinte como resposta a unha necesidade concreta nun momento histórico determinado e nun contexto social de precariedade extrema. Nestas circunstancias, supuxo a creación de proxectos persoais emancipadores, en especial no caso das mulleres, xa que era moi común que a compañía de transporte marítimo de produtos da horta e outras mercadorías a conformasen o matrimonio traballando en conxunto, onde o papel da muller era vital, pasando de traballar a horta para consumo propio e subsistencia a considerala como negocio produtivo e comercial”, sinala Triñanes.

Non se sabe quen foi o carpinteiro de ribeira creador desta tipoloxía, pero si que foi alí, na parroquia de San Cosme, no Riqueixo e na Bujalleira, onde se construían, nun entorno no que había moitos mestres da construción naval en madeira.

Os sancosmeiros tiveron tamén como botes de carga un papel relevante na construción do dique de Noia e da presa de Barrié de la Maza, transportando cemento e distintos materiais. Inicialmente propulsábanse a remo e a vela, pero chegaron a ter motores Ayón, que se fabricaban na propia vila de Noia.

31 ago 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.