Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O arcipreste de Céltigos e o presidente de Costavales obtiveron o recoñecemento da Catedral compostelá // Trátase dun antigo itinerario que unía os portos da Costa da Morte e Bergantiños co sepulcro do Apóstolo polo Xallas e Dubra TEXTO M. Manteiga

Os peregrinos da Vía Céltica van poder levar a Compostela

Eduardo Prado Albaredo, arcipreste de Céltigos, e o presidente da Asociación Costavales, Manuel Amigo Ferreiro, veñen de recibir o recoñecemento oficial da Catedral de Santiago para o histórico camiño de peregrinación desde os portos da Costa da Morte e de Bergantiños por Portomouro. Trátase da denominada Vía Céltica, polo seu paso central polo citado arciprestado, que agora permitirá aos camiñantes recibir a Compostela que expide a Oficina de Acollida ao Peregrino, segundo confirmou nun oficio o coengo delegado de Peregrinacións do Cabildo da Catedral, Segundo Pérez.

Os dinamizadores desta ruta xacobea xa tiñan presentado ante a Catedral as evidencias históricas reunidas no libro Vía Céltica: os camiños de Santiago por Santa Comba, obra de André Pena Graña e Joám Evans Pim. En novembro mantivéronse reunións tanto co deán da Catedral, José Fernández Lago, como co delegado de Peregrinacións e o persoal técnico da Oficina de Acollida, permitindo concretar o cumprimento dos requisitos para a obtención da Compostela.

Con este último paso, acádase o obxectivo de obter a oficialidade do itinerario xacobeo durante o presente Ano Santo Compostelano, permitindo que os peregrinos que o percorran poidan recibir este recoñecemento expedido pola Catedral.

Como explica detalladamente a obra xa publicada, a Vía Céltica ten un tramo común entre Santa María de Paramos (Val do Dubra) e Santiago de Compostela (de 20 km), superando o río Tambre a través da ponte de Porto Mouro, e dous grandes ramais: o camiño marítimo desde os portos de Bergantiños, que chega a Paramos desde os portos de Laxe, Ponteceso, Corme, Barizo, Malpica e Caión; e o camiño marítimo desde a ría de Camariñas e Muxía, que chega a Paramos desde os portos de Camariñas, Ponte do Porto, Santiago de Cereixo e Muxía, cunha variante que segue a Translatio por Fisterra, Corcubión e Cee.

Para obter a Compostela, os peregrinos deberán realizar unha ruta de cada un dos dous ramais principais da Vía Céltica. Isto é: percorrer o Camiño a Santiago partindo desde algún dos portos de Bergantiños (Caión, Malpica, Laxe, Ponteceso, Corme ou Barizo) e realizar o Camiño desde algún dos portos da Costa da Morte (Camariñas, Ponte do Porto, Santiago de Cereixo, Muxía, Fisterra, Cee ou Corcubión).

Alternativamente, poderán percorrer a Vía Céltica por apenas un dos ramais para obter a Compostela aqueles peregrinos que cheguen a calquera destes portos por vía marítima e teñan navegado a vela un mínimo de 100 millas náuticas ou aqueles que acrediten ter realizado a distancia restante para completar os 100 km en itinerarios xacobeos recoñecidos no seu país desde os seus portos.

Desde a Asociación Costavales, según anuncia Manuel Amigo, “co recoñecemento oficial do carácter xacobeo deste vía de peregrinación ábrese unha grande oportunidade para dinamizar os concellos afectados, pero tamén esixe unha maior responsabilidade e implicación”.

Costavales está xa traballando na elaboración dun mapa detallado e guías para os peregrinos, pero lembran que cabe ás administracións sinalizar e delimitar as vías. Tamén anuncian que en breve se tramitará coa mesma Oficina de Acollida do Peregrino a expedición dos primeiros selos para os puntos de paso, que os usuarios poderán facer constar tanto nas súas credenciais tradicionais en papel ou mediante códigos QR nas electrónicas. Os primeiros selos estarán dispoñibles en establecementos comerciais de Santa Comba, pero agardan extendelos.

05 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.