Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os remeiros de Cabo de Cruz poden desfrutar da súa nova e ampliada casa

Autoridades municipais e membros do club inauguraron a sede // Estas instalacións tiveron un custo de máis de 1,3 millóns

O Concello de Boiro inaugurou o pasado mércores o novo inmoble do Club de Remo de Cabo de Cruz nun acto no que interviron o alcalde, José Ramón Romero, a concelleira de Deportes, Dores Torrado, o presidente do Club de Remo, Daniel Vázquez e os membros do club Sara Tubío e Sergio Santamaría.

O acto comezou coa actuación das Pandereteiras Lumieira, que deron paso á parte institucional. Os integrantes do club, Sara e Sergio, falaron da súa experiencia co remo, mentres que o presidente tivo unhas palabras de agradecemento ao esforzo de todas as persoas que fixeron posible a construción deste inmoble e que día a día traballan para que o Club de Remo de Cabo de Cruz leve o nome do pobo e acade éxitos en todas as competicións nas que participa.

Tanto este inmoble que se inaugurou como o Club de Remo de Cabo son o resultado dunha historia de traballo e esforzo conxunto entre as administracións e a veciñanza. Así o recoñeceu José Ramón Romero, durante o seu discurso: “as administracións temos a obriga de apoiar e promover o deporte e en Boiro temos a sorte de contar con deportistas de gran nivel como é no caso do remo”.

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre foron o prato estrela da xornada, que rematou coa actuación do grupo The Cuncas e unha gran paellada na que se repartiron 250 racións xunto con mexillóns e empanada.

Recordar que o Concello de Boiro iniciou as obras para a execución das novas instalacións do Club de Remo, que ascenden a unha inversión de 1.300.000 € e que contan con ximnasio, foso para adestrar en inverno, salas de formación e espazo de alamacenamento para as traíñas e demais material deportivo.

Dita actuación comezou en setembro do ano 2019 e o proxecto inicial sufriu diversas modificacións co obxectivo de adaptar a instalación ás necesidades dos remeiros e remeiras. Entre os cambios que se tiveron que levar a cabo no proxecto inicial está o redeseño do foso, para axustar as bancadas ás condicións reais de traíña ou o redeseño dos espazos interiores acordados entre o Club de Remo e o Concello de Boiro.

A obra final completouse coa dotación de mobiliario para equipar o interior con todo o material deportivo necesario para a práctica do remo, entre o que se atopa o equipamento específico para os vestiarios, con bancos e taquillas; equipamento para as oficinas e aula de formación da instalación, con mobiliario, mesas e cadeiras; e tamén mobiliario específico deportivo para o foso de remo e para o ximnasio do complexo.

15 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.