Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A escasez de aparcamentos e os accesos son os principais problemas do único polígono industrial de Ames // A infraestructura é fogar de empresas tecnolóxicas de calado internacional e recoñecidas produtoras audiovisuais TEXTO Javier Salutregui

Os retos de futuro do parque empresarial Novo Milladoiro

A pouco máis de 2 kilómetro de Santiago de Compostela atópase o parque empresarial Novo Milladoiro. Inaugurado en 2002, trátase do único polígono industrial do municipio de Ames e conta con naves industriais e comerciais, edificios de oficinas, lofts, vivendas, un punto limpo e inclusive un pequeno centro comercial nos seus 300.000 metros cadrados de superficie.

A día de hoxe o polígono Novo Milladoiro é o fogar de 189 empresas asentadas en máis de 190 naves, que ascenden a 256 contando os lofts e os baixos comerciais das vivendas que se atopan no propio polígono, e que manteñen máis de 1.400 empregos directos e un número moi superior de empregos indirectos ligados á súa actividade empresarial, como repartidores e transportistas. Tamén conta con fibra óptica en todas as instalacións, bo suministro de auga, puntos verdes, parques infantís, transporte urbano e mesmo un campo de fútbol no que o Milladoiro SD leva a cabo a súa actividade.

Con todo, non está libre de problemas. En primeiro lugar, debido ao crecemento económico, ao incremento das naves e á masificación do polígono as prazas de aparcamento son moi limitadas, de maneira que en máis dunha ocasión os vehículos vense obrigados a aparcar nas beirarrúas. O Concello de Ames xa tomou cartas no asunto o pasado xullo e ampliou o número de prazas de aparcamento, pasando de 48 a 104 prazas no primeiro tramo da rúa Castiñeiras e de 40 a 60 no segundo ao aproveitar as zonas de vexetación. En total, case 100 novas prazas que probablemente deberán ser ampliadas progresivamente.

Outra das problemáticas do parque empresarial é a falta de naves industriais. A maior parte das existentes xa están en uso e quedan moi poucas para que novas empresas se instalen en Novo Milladoiro ou para que persoas emprendedoras leven a cabo os seus negocios. Respecto a este tema, o pasado 10 de novembro inaugurouse o espazo colaborativo A Proa, un local de 400 m2 ubicado na entrada do polígono destinado aos autónomos e aos emprendedores, especialmente dos sectores audiovisuais e tecnolóxicos.

Aínda así, é moi probabable que co progresivo aumento da poboación de Ames, que pasou de 16.549 no ano 2000 a 32.337 no 2021, e o crecemento económico do municipio sexa necesario expandir o polígono de cara ao futuro.

Por último, está a problemática dos accesos ao polígono, unha das máis importantes e complexas para o desenvolvemento económico do Novo Milladoiro. Xa en 2018 tanto os veciños como as forzas políticas municipais reclamaban solucións para os problemas de tráfico da Avenida Rosalía de Castro (N-550), o principal acceso ao parque empresarial, causados pola alta cantidade de vehículos que circulaban diariamente, o consecuente ruído e a grave conxestión do tráfico.

A principal medida que se adoptou para solucionar o problema foi prohibir circular pola avenida aos vehículos pesados, establecendo unha ruta alternativa. Deste xeito o ruído reduciuse nun 11% e as emisións de dióxido de carbono á atmósfera disminuíron en 41 toneladas.

Con todo, iso non solucionou os problemas de acceso ao polígono. Por ese motivo en xaneiro de 2021 o Concello de Ames iniciou os trámites para executar un proxecto de humanización da Avenida Rosalía de Casto (N-550), levando a cabo estudos topográficos, de medición da avenida e un estudo de movilidade. O obxectivo é crear unha vía en altura que permita acceder ao parque empresarial dende a SC-20 e outra de saída, evitando así que os vehículos teñan que pasar pola rotonda do Milladoiro.

O anteproxecto, presentado á secretaria de Estado de Transporte e á Asociación de Empresarios do Novo Milladoriro, tamén recolle a posibilidade de crear un paso subterráneo con dous carrís de ida e outros dous de volta dende a SC-20 cara O Milladoiro, e a eliminación dun carril en cada sentido de circulación, de xeito que a avenida de Rosalía de Castro pasaría de catro carrís a dous, quedando un único carril de circulación a cada lado. Outro proxecto é a modificación da rotonda da SC-20 pola que se accede á Avenida Muíño Vello e ao parque, a fin de facilitar o acceso e axilizar o tráfico.

CONSTRUIDO EN 80.000 METROS CADRADOS

1 Empresas tecnolóxicas. O parque empresarial Novo Milladoiro é fogar de destacadas empresas tecnolóxicas. Entre elas atopamos a Bahía Software, con sede en Ames, A Coruña, Lugo, Ourense e Santander e que está especializada na tecnoloxía sanitaria; e Tecalis Software, centrada na elaboración de software.

2 Audiovisuais. O polígono acolle tamén diversas empresas audiovisuais como Zenit TV, que produce xunto ao Grupo Progreso o programa Casamos! da TVG; a produtora Setemedia, que traballou en programas como Malicia Noticias ou Vaia troula. E por último Ficción Producciones, que actualmente traballa en Operación Marea Negra en colaboración con Amazon.

grandes firmas ubican sus sedes
29 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.