Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ASTROTURISMO. A morte do astro rei xa se pode contemplar en Internet grazas ao proxecto Solpor // Permite desfrutar ese máxico momento tamén desde Santiago TEXTO J. M. Ramos

Os últimos raios de sol de Fisterra poderían chegar á praza de Callao en Madrid

Imaxínanse poder contemplar a máxica posta de sol do cabo Fisterra na praza do Callao en Madrid? Ata agora iso non é posible pero podería facerse realidade nun curto prazo se prospera a idea que onte se puxo sobre a mesa durante a presentación do proxecto Solpor 4.0, que xa permite ver a morte do astro rei na fin da terra, e tamén en Compostela, a través de Internet.

Foi ao pé do hotel O Semáforo, baixo un sol radiante, que iluminou de propostas o acto no que se deron cita a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o alcalde de Fisterra, José Marcote; o catedrático de Física Aplicada da USC, Jorge Mira; o presidente da Asociación Solpor e xerente do establecemento hoteleiro, Jesús Picallo; o socio fundador de Wireless Galicia, Xurxo Cegarra e o fotógrafo e xerente de Luzlux, Fernando Rei. A idea consistiría en proxectar esas transmisións en vivo das postas de sol que se poden desfrutar a través da páxina web solpor.eu, e das redes sociais do proxecto, en espazos emblemáticos como a referida praza da capital de España, ou mesmo en Xapón e Times Square (Nova York), como apuntaron Jorge Mira e Jesús Picallo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, apuntou que a proposta de Madrid é viable grazas aos convenios que ten a Xunta para desenvolver campañas promocionais na capital de España. Todos os presentes coincidiron en que sería un moi bo escaparate para divulgar a oferta turística de Fisterra e de Galicia, e para seguir avanzando no desenvolvemento do astroturismo como complemento ás variadas opcións que ofrece a Comunidade.

A este respecto, engadiu Castro, “temos moito campo para seguir traballando conxuntamente”, co obxectivo de “poñer en valor cousas distintas que sirvan de atractivo para Galicia”. Apuntou como posibilidade a vinculación do megalitismo cos solpores para complementar o proxecto presentado onte, e animou tanto aos seus promotores como ás administracións locais a aproveitar o traballo desenvolvido para crear experiencias únicas ao amparo dunha nova liña de axudas que se van convocar en breve a nivel estatal.

O catedrático Jorge Mira destacou que o proxecto Solpor “cubre as expectativas dese fluxo de xente que, dende hai miles de anos, vén aquí para ver a fin da terra”, e puxo sobre a mesa outras ideas, como a de crear unha comunidade dos cinco puntos de Europa nos que se poden ver os últimos raios de sol en diferentes épocas do ano, un dos cales é o arco comprendido entre os cabos Fisterra e Touriñán (Muxía).

O alcalde, José Marcote, agradeceu o traballo desenvolvido por todos os impulsores e colaboradores desta iniciativa, e demandou o apoio das administracións superiores “porque somos un concello pequeno ao que veñen milleiros de visitantes e non temos capacidade de xestionar como se debe este espazo”. Aboga ademais por ampliar o concepto de Fisterra “pois non debe ceñirse só ao noso concello, senón que o finisterre é algo máis amplo”.

Dende o Concello están a traballar para poder reabrir ao público o edificio do faro e ubicar nel de xeito permanente a exposición adicada aos Premios Nobel que visitan cada ano este enclave da man do programa Conciencia, que coordina Jorge Mira. Alí queren levar tamén a edición dunha recopilación de poemas de todo o mundo nos que aparece o termo Fisterra, a cal é obra do poeta local Alexandre Nerium.

19 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.