Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outes licita melloras viarias e de saneamento por 524.000 €

Unha senda peonil conectará a Praza do Bosque e a piscina // En Santo Ourente construirase unha pequena depuradora

O Concello de Outes prevé iniciar ao longo do verán e no outono diversas obras de importancia tanto en núcleos rurais como urbanos do concello. Así o anunciou o alcalde, Manuel González, quen destacou que as actuacións servirán para ampliar a rede de saneamento, adecuar viais interiores e os accesos a varios núcelos rurais e mellorar a mobilidade en Serra de Outes e no Freixo.

Nestes momentos está en proceso de licitación a senda peonil que unirá a Praza do Bosque, na Serra de Outes, coa piscina municipal, cun orzamento de 128.000 euros financiados co POS+2021 da Deputación da Coruña.

Tamén están a piques de adxudicarse as obras de reposición das beirarrúas que comunican a estrada AC-550 co porto do Freixo, que inclúen tamén unha pequena actuación de mellora dos accesos no lugar de Mosteiro, cun orzamento de 70.000 euros, tamén financiados cunha achega da Deputación coruñesa.

Por outra banda, nas vindeiras semanas comezará o proceso de adxudicación de diversas obras de mellora de viarios en zonas rurais, financiadas pola Consellería de Medio Rural e con fondos propios do Concello, e nas que se inclúen a estrada de Quintela a Sacido (parroquia de Santo Ourente), o acceso a Crespos (parroquia de Valadares), o camiño de Vara a Serantes (parroquia de San Cosme de Outeiro) e acceso a Mirás (parroquia de Outes). O orzamento total destas actuacións achégase aos 90.000 €.

Tamén está prevista a mellora dos interiores do lugar de Ánseres, na parroquia do Freixo, por máis de 36.000 €.

A maiores, o alcalde anunciou a inminente licitación da ampliación da rede de saneamento nos lugares de Quintela e Ousesende, na parroquia de Santo Ourente, incluíndo a construción dunha pequena estación depuradora de augas residuais, cun importe que supera os 200.000 euros e que está financiada integramente con recursos propios.

No referido á rede de saneamento, segundo sinalou o rexedor tamén se prevé levar a cabo unha actuación de ampliación en Cando de Arriba, así como outra de canalización de pluviais.

delegribeira@elcorreogallego.es

28 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.