Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Outes pon a punto o rural e mellora distintos viais

O Concello destinará este ano máis de 500.000 euros a estas obras // Actuarán en Valadares, San Lourenzo ou en Roo

O Concello de Outes está a executar diversas obras de mellora en varios núcleos rurais do municipio. Nos últimos días rematáronse actuacións nos interiores dos lugares de Filgueiro e Cuns, na parroquia de Cando, así como no lugar de Cures, na parroquia de Outes. Estas intervencións están financiadas con recursos do POS+2021 e valoradas en preto de 45.000 €.

Segundo apuntou o alcalde de Outes, Manuel González López, nos vindeiros días comezarán as obras de mellora dos interiores nos lugares de Carleo e Cambeiro, financiadas tamén co mesmo plan, e cuxo investimento ascende a 56.000 euros.

Posteriormente, levaranse a cabo actuacións tanto na parroquia de Valadares (interiores de Xendil e camiño de Lestaio a Terelle) como en San Lourenzo e Santo Ourente (nos lugares de Cabanamoura, Diz e Quintela).

Por outra parte, dende a administración municipal indicaron que en próximas datas adxudicaranse obras de mellora nos lugares de Brión de Arriba e Viro, no núcleo de Roo, que inclúen tamén dúas actuacións na parroquia de San Cosme de Outeiro, concretamente en Gulfián e Rates. Contan cun orzamento de algo máis de 90.000 €.

Tamén en proceso de licitación atópanse as obras nos interiores de Mosteiro, no lugar do Freixo, así como as beirarrúas que comunican o porto do Freixo coa estrada AC-550, e que contan cun orzamento de 70.000 €. Estes proxectos servirán para incrementar a seguridade viaria da estrada a Mosteiro, en Sabardes, que polo paso do tempo e o tráfico rodado precisa renovar a súa superficie. Así pois, demolerase o firme existente para repoñelo e pavimentar con zahorra e formigón.

Á súa vez, mellorarase a seguridade peonil no termo municipal coa demolición das beirarrúas na estrada que vai ao porto e a posterior construción doutras novas ao longo de 335 metros.

Manuel González sinalou que manter coidados os núcleos rurais así como o mantemento de infraestruturas son prioridades do seu goberno. Manifestou ademais que o Concello “realiza un importante esforzo neste sentido, xa que as necesidades son moitas ao contar Outes con máis de 100 núcleos de poboación e 600 km de estradas de titularidade municipal”.

pavimentación. O Concello de Noia tamén continúa ensanchando e pavimentando viais do municipio co obxectivo de mellorar a seguridade. Esta semana están a pavimentar a vía que vai dende San Breixo á Ponte de San Francisco (desde o cruce coa avenida da República Argentina). A actuación, cofinanciada pola administración local e pola Deputación da Coruña, supón un investimento que ronda os 180.000 euros.

Estas obras permitiron habilitar dous carrís de tres metros de ancho en boa parte do vial, salvo en Argote, debido ás limitacións existentes.

18 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.