Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Padrón volve á Galicia Medieval cunha exposición e un concerto

A mostra do pintor ferrolán Pedro Castro Couto forma parte dun proxecto que inclúe unha unidade didáctica e unha conferencia

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, inaugurou a exposición do pintor ferrolán Pedro Castro Couto coa que Padrón se reencontra coa Galicia medieval. A mostra forma parte dun proxecto, que inclúe tamén un concerto, unha unidade didáctica para alumnado da ESO e unha conferencia sobre castelos, que pretende achegar á veciñanza a unha “época moi colorista, porque a Idade Media non foi unha etapa escura, como poderíamos pensar”, aseguraron Fernández Angueira e Xosé Antonio Ponte Far, coordinador do proxecto. No acto de inauguración tamén estiveron a concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso, e a catedrática Eva Ocampo Vigo.

Para o alcalde, o proxecto cultural Reencontro coa Galicia Medieval “é moi interesante e completo, e axúdanos a redescubrir a época medieval dende outra perspectiva, non só a histórica, senón tamén a emocional”.

O primeiro contacto con esta época é a exposición de Pedro Castro, composta por 25 cadros moi coloristas nos que o artista ferrolán afincado na Coruña amosa diferentes oficios, tradicións e costumes da época despois dunha fonda investigación.

Tras inaugurar a mostra, que se poderá visitar ata o día 14 deste mes, o grupo Gallaecia Medievallum ofreceu un concerto de música medieval no auditorio municipal. Formado pola soprano Victoria Álvarez Acón, o zanfoñista e frautista Eloy Vázquez e o percusionista Alberto Cabezas, a agrupación interpretou diferentes cantigas.

O vindeiro xoves, 10 de novembro, a catedrática Eva Ocampo Vigo presentará a unidade didáctica A Idade Media en Galicia (S. V-XV) dirixida ao alumnado de Secundaria, na que se explica a historia, os costumes e a arte da época medieval en Galicia. Unha proposta educativa-divulgativa para que o alumnado coñeza as raíces medievais. Tamén o xoves, Xosé Antonio Ponte Far ofrecerá unha conferencia sobre os castelos medievais en Galicia.

Reencontro coa Galicia Medieval é un proxecto promovido polo Grupo Medievalium Gallaecia que conta co patrocinio da Xunta e a colaboración de Padrón, Negreira e a Afundación.

06 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.