Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Painting for Others rehabilita vivendas de forma solidaria

A Oficina de Voluntariado de Ames sumouse recentemente ao proxecto solidario Painting for Others, nado hai máis de 20 anos na cidade de Sevilla e que promove a ONG Cooperación Internacional. Ter unha vivenda digna é un dereito e afecta de xeito moi importante á calidade de vida das persoas. Con este fin ponse en marcha esta iniciativa, que busca rehabilitar os fogares das persoas con menos recursos co traballo e a implicación de todos os voluntarios e voluntarias.

O labor principal consiste no pintado e na limpeza de paredes, para o que os e as voluntarias reciben unhas sesións de formación que lles permitan axudar do mellor xeito ás necesidades das persoas. Ao mesmo tempo, búscase sensibilizar sobre as condicións de vida e as dificultades ás que se enfrontan veciños da súa contorna, e contribuír á vez ao estado de ánimo destas familias ou persoas soas, que reciben das voluntarias e voluntarios un trato próximo e cálido.

Polo momento, o proxecto Painting for Others actuou sobre unha vivenda dunha familia amesá, na que se pintaron e adecentaron as paredes, e outros seis fogares xa foron propostos para sumarse aoproxecto. “Estamos encantados de que unha iniciativa solidaria tan potente e tan enriquecedora para todas as partes se poida facer en Ames e se asente como programa importante dentro da nosa acción voluntaria”, indicou o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, destacou o traballo de “dignificación e sensibilización” deste proxecto.

“Agradecemos enormemente a este grupo de voluntarias e voluntarios o traballo que están a facer no noso concello, mellorando a calidade de vida destas familias que aparte de ter escasos recursos teñen outras problemáticas asociadas. Non se trata só de pintar, senón que a rehabilitación vai da man da compañía e da alegría que levan”.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.